Luis Maquieira converte en relatos a súa vida grazas a “Contos sen importancia”

Luis Maquieira converte en relatos a súa vida grazas a “Contos sen importancia”
Diario de Ferrol-9999-99-99-999-093dd9fb_2

Quen durante anos foi o presidente da Asociación de Artesáns do Eume, Luis Maquieira, trocou definitivamente o cincel e o martelo pola pluma coa edición do seu libro de relatos “Contos sen importancia”. Se o pasado ano daba ao prelo o poemario “Versos del Agua” (Fundación Cuña Casas Bellas), que reunía os seus traballos poéticos de décadas con ilustracións do acuarelista Javier Lillo, agora revive algunhas das súas experiencias vitais a través dos relatos de “Contos sen importancia”, algúns dos cales están ambientados na comarca de Ferrolterra, concretamente en Pontedeume onde Maquieira viviu durante unha década. “Textos breves e intensos como demandaban Rafael Dieste ou Cortázar”, adianta o escritor.
Segundo o propio Maquieira, “nos relatos verquín moitas anécdotas e sucesos vitais, tanto vividos na infancia como acontecidos nos últimos tempos. Historias que recrean o mundo rural e sucesos que van do humorístico ao paixonal ou espiritual, de contos de defuntos e fantasmas ou de feitos que amosan que o destino vai escrito no noso carácter”. Non faltan anécdotas compartidas co escritor Ánxel Fole ou o poeta Avilés de Taramancos. O que máis chama a atención da prosa de Maquieira ao longo dos 14 relatos que conforman o volume –a maioría en galego, pero un par deles en castelán– é a escrita e o non sometemendo a regras ortográficas. “Está buscado como rasgo estilístico –subliña o autor–. Fole facía algo semellante e eu quixen ser fiel ao xeito de falar de quen hai tantos anos me contou algunhas das historias e aos protagonistas dos contos. Hai unha frescura da literatura oral que quixen buscar como rasgo estilístico”. O volume, autoeditado, contén ilustracións de aves a cargo do prestixioso artista Manuel Ruibal.  

adn literario
Aínda que na súa vida Luís Maquieira fose artesán, construtor, vendedor de enciclopedias médicas en Venezuela ou repartidor de licores na selva sudamericana, o certo e que a súa vinculación literaria a leva no ADN. A súa bisavoa foi, como se recorda no libro, Julia Espín, musa de Gustavo Adolfo Bécquer e inspiradora de boa parte da súa poesía e das populares “Rimas y leyendas”.
Sendo un neno coincidiu na casa familiar do Incio, na montaña de Lugo, co gran contista galego Ánxel Fole (“despois da Guerra Civil foi pasar uns meses e botou once anos!”, lembra)  e xa, durante os seus anos en Venezuela, fixo amizade co gran poeta Celso Emilio Ferreiro. A súa propia traxectoria literaria inclúe varios libros de versos como “Hojas de sombra”, con unha introdución de Ánxel Fole, e “Versos del viento y del río”, con prólogo de Ánxeles Penas. O autor baralla presentalo en Ferrol e Pontedeume, xa que na actualidade reside en Pontevedra.
Aínda que en breve “Contos sen importancia” estará nas librerías, os interesados en facerse cun exemplar poden chamar ao teléfono 666 116 467.

Luis Maquieira converte en relatos a súa vida grazas a “Contos sen importancia”

Te puede interesar