“Ferrol, a minha terra” é o título co que Edicións Embora pecha un intenso –e tenso– Ano Carvalho. Trátase dun libro de medio cento de páxinas no que se recollen os dezaoito poemas referidos á súa cidade natal –e bisbarra– que o primeiro catedrático de Lingua e Literatura galegas da USC escribiu ao longo da súa vida.
Ilustradas por Calros Silvar, o profesor Xosé María Dobarro foi o encargado de recompilar unhas composicións que, explica, permitirán ao lector ter unha visión de conxunto da poesía “local” de Carvalho, redescubrindo algúns dos poemas de máis sona –“Praza Vella”– e descubrindo, sinala o editor, “outros como ´Praza de Sánchez Aguilera´, que é magnífico”, subliña.
Porén, Dobarro destaca que na produción lírica de Carvalho “non hai en xeral moita presenza de ningún lugar, nomeadamente dos tres nos que viviu –Ferrol, Santiago e Lugo–, nin tampouco do cárcere de Jaén. Non foi moi dado a facer poesía localista”, engade.
En calquera caso, o encargado desta breve edición considera que os versos de “Ferrol, a minha terra” son todos eles “moi sentidos”, escritos ou publicados entre comezos da década dos anos 40 e 1989 –o poema “Cruzando a ria”, integrado en “Reticencias”, a súa derradeira obra–.
Con esta publicación péchase en Ferrol o Ano Carvalho declarado pola Real Academia Galega, unha homenaxe embazada polas consecuencias que tivo a pandemia no desenvolvemento dos actos organizados polas entidades que por fin puideron celebrar esta concesión após anos de reivindicación, e tamén nos que impulsou a institución.
Para Dobarro, a decisión de non prolongar a homenaxe no 2021 é “unha tomadura de pelo”. Considera que na súa formulación actual, o Día das Letras “está obsoleto, mais iso non quita que teña certa repercusión e valor no ensino, nomeadamente”. Por iso, cre que nas circunstancias deste 2020 “calquera que non peche os ollos sabe perfectamente que este foi un ano en branco a todos os efectos”.
Pregúntase, para rematar, se esta decisión “tería sido a mesma se fose outro o autor homenaxeado” e lembra que “agora mesmo se está a valorar a posibilidade de estender o Xacobeo a 2022”, unha prolongación que “ben podía terse feito nestas circunstancias excepcionais”.