Nova protesta de alumnos da Náutico Pesqueira contra o decreto de prezos da residencia

Nova protesta de alumnos da Náutico Pesqueira contra o decreto de prezos da residencia
Diario de Ferrol-2013-10-10-005-9d55137f

Alumnos da Escola Náutico Pesqueira de Ferrol saíron onte de novo á rúa para amosar a súa indignación polo que consideran unha inxustiza: que se lles obrigue a pagar polos servizos de residencia e comedor –contías que nalgúns casos aproxímanse aos 2.000 euros– cando no momento de se matricularen lles dixeron que eran totalmente gratuítas.
E así eran, efectivamente, ata a entrada en vigor no pasado mes de setembro do Decreto 143/2013 polo que se fixan os prezos para os devanditos servizos. Tarifas que, tal e como se recolle no documento, elévanse a 1.960 euros no caso, por exemplo, de residencia en pensión completa durante todo o curso. Agora tamén teñen que pagar cursos que antes eran de balde e que agora, entre todos, superan os 1.200 euros.
“El 16 de septiembre llegamos a clase para iniciar el curso académico y nos informaron de este nuevo decreto que nos obliga a pagar”, relataba onte Esteban Iglesias, un dos alumnos afectados.
A partir dese momento comezaron a mobilizarse –xa levan celebradas varias concentracións– e mesmo chegaron a reu-nirse con representantes da Consellería de Medio Rural e Mar. Un encontro no que, tal e como lembraba onte Iglesias, “nos dixeron que non había outra solución que pagar de xeito trimestral –o que supón pagos duns 660 euros– e, do contrario, darían conta a Facenda”.
A día de hoxe, segundo comentou onte, a maior parte abonou a cantidade esixida, mais outros que non poden facer fronte ao custe están en trámites con Facenda ou ben tiveron que deixar a residencia.
De todos os xeitos, os estudantes están dispostos a seguir coas accións reivindicativas para esixir que se retire o devandito decreto.

iniciativa
Con esta mesma esixencia, o Bloque Nacionalista Galego presentou unha iniciativa ante o Parlamento de Galicia. O voceiro local da formación, Iván Rivas, así como o de Pesca do grupo parlamentario, Daniel Rodas, acompañaron onte aos alumnos na mobilización desenvolvida diante do Edificio da Xunta na Praza de España.
Rivas explicou que “temos solicitada unha entrevista co alcalde para que se posicione sobre esta inxusta situación”.
Pola súa banda, Rodas lembrou a iniciativa parlamentaria presentada pola formación nacionalista na que se reclama da Consellería de Medio Rural e do Mar a retirada do decreto de prezos, un decreto que tamén contempla o pagamento dos certificados de competencia profesional que a propia Administración esixe para conseguir a titulación e que ata agora eran tamén gratuítos. Na concentración de onte estiveron tamén presentes membros da CIG Ensino, entre eles a secretaria comarcal Antonia Martínez.
Desde o sindicato nacionalista amosaron a súa total solidariedade con este alumnado e apoio coas medidas que estes desenvolvan para protestar por unha medida que, segundo apuntaron, “supón o cuestionamento do dereito á educación”.

Nova protesta de alumnos da Náutico Pesqueira contra o decreto de prezos da residencia

Te puede interesar