Concellos e Agadic programan máis de trinta funcións en Ferrolterra

Concellos e Agadic programan máis de trinta funcións en Ferrolterra
Imaxe de “Constelaciones” da compañía Aracaladanza, Premio Nacional de Teatro para a Infancia

Os municipios de Ferrolterra e a Axencia Galega das Industrias Culturais (dependente da Consellería de Cultura) colaboran para ofrecer durante o primeiro semestre do ano actividades de teatro, música e maxia. Serán 35 funcións que se reparten entre Narón e Ferrol (a maioría), Cedeira (que comeza esta mesma fin de semana unha intensa axenda que inclúe sete actuacións), As Pontes e Ortigueira. Segundo o tamaño dos concellos o organismo autonómico faise cargo dunha porcentaxe do caché, que pode ir desde o 40% ata o 70%. Ademais, é unha forma de fomentar o teatro galego, xa que a maioría dos espectáculos incluídos na rede son de compañías propias.
Narón é o concello con máis propostas en colaboración co Agadic. Empezarán os días 24 e 25 de xaneiro coa estrea absoluta de “Meu ben”, de Eme2, e protagonizada por Mercedes Castro, Elina Luaces e Rocío González. Tamén este mes (o 30) verase “Sobre o desamor e outras mariconadas”, de Viriscrón. En febreiro Ron Lalá representará “En un lugar del Quijote (o día 1), Teatro do Adro dará vida a “As mil vidas de Matías Houseman” (o día 13, co dirección de José Prieto e protagonizado por Josito Porto) e Abrapalabra porá en escena “As do peixe” (o 22, cun elenco que inclúe a Susana Dans, Mónica Caamaño, Casilda Alfaro e Rocío González). “El(l)as Confidential” poderase gozar en marzo, o día 8, mentres que xa en maio chega a música de Xosé Manuel Budiño con “Sotaque” (o 16), e os espectáculo “Da Vinci tiña razón!”, de Producións Excéntricas; e o aclamado “Eurozone”, do grupo Chévere (o día 31). E o 7 de xuño Obras Públicas representa “Bye Bye Honey”.
Ferrol recuperou a colaboración co Agadic en 2014, logo dun ano de ausencia. Dentro da rede autonómica incluíase xa a actuación do mago Luis Boyano do pasado día 3 e, este mismo mes, verase “Osiño”, de Trompicallo (o día 19), e “Constelaciones”, da prestixiosa compañía Aracaladanza (o 25). Seguindo coas propostas para público infantil, o 2 de febreiro programan no Jofre “El gallo de las veletas”, de La Canica; e o 23, “3, 2, 1”, de Ghazafelhos. “O xardín das pernas roubadas”, de Tuerka Teatro, pasará por Ferrol o 1 de marzo, mentres que Lagarta Lagarta representará “O país do Pato Donald” en abril (o 26). Xa en maio chega Chévere, con “Eurozone” (o 17, Día das Letras Galegas), e Culturactiva presenta “Sede de mal” o 7 de xuño.
Cedeira ten tamén unha completa oferta escénica en colaboración coa Agadic. O 11 de xaneiro Teatro del Andamio representará “La casona”; o 18 teñen o espectáculo infantil de maxia “Chapuzas a domicilio”; e o 25 volven ser os nenos os protagonista coa proposta de novo circo “KeTKjas”, de Barafunda. A actividade en febreiro comeza o día 1 con “A historia de Martín”, de Animar-T; metres que o 15 Migallas Teatro presenta “O cantante e as mulleres” e o 22 Culturactiva achega “Sede de mal”. A seguinte función será xa en abril, o día 12. Trátase dun concerto de Espido, agrupación formada pola cedeiresa Guadi Galego e por Guillerme Fernández.
En Ortigueira as funcións comezan o 1 de marzo con “Pánfilos S.A.”, de Airapro e continúan en abril cun concerto de María do Ceo (o día 12) e coa proposta teatral “Sede de mal” (o 19). “Radio Torreiro”, de Dinamo Teatro, chegará o 3 de maio.
As Pontes inclúe na súa programación cultural catro actividades en colaboración coa Agadic. “O príncipe e o parrulo”, de Eme2, chegará ó Alovi o 23 de marzo e Abracadabra, con “A ¿verdadeira? historia da maxia”  estará o 29. En abril, Elefante Elegante representará “Aurora” o día 5 e Aracaldanza as súas “Constelaciones” o día 12.
Estas funcións son unha parte da axenda cultural dos concellos, que forman parte tamén, sobre todo no caso de Ferrol e de Narón, doutros circuítos, como o nacional, e que ademais programan ciclos profesionais ou afeccionados seguindo cada un deles o seu propio criterio. n

Concellos e Agadic programan máis de trinta funcións en Ferrolterra

Te puede interesar