A cantante Rocío Varela representa ó Eume en “Luar”

A cantante Rocío Varela representa ó Eume en “Luar”
Rocio Varela, “Roko”, na súa primeira actuación no “Luar”

O concurso de cantantes “Recantos”, do programa da TVG “Luar”, volve descubrir para toda Galicia o talento da zona do Eume. Neste caso defende o territorio –que para o certame inclúe tamén Ferrol e o Ortegal– Rocío Varela Barros, nacida en Pontedeume e que xa deu a coñecer a súa calidade no concurso “Canta Ferrol”, que se celebrou en abril na cidade e no que quedou en terceiro lugar co tema “I Will Always Love You”, de Whitney Houston.
Moi diferente foi o estilo que interpretou na primeira fase do concurso televisivo, a copla “O caravel”, que porén foille ben para superar unha primera criba na que quedaron xa fóra dous concursantes. Este venres volve actuar e tocoulle defender de novo un tema clásico da música española: “A zarzamora”, de Lola Flores. Para pasar esta fase, ademais do criterio do xurado axuda o apoio do público, de feito, ademais do premio final de 5.000 euros, hai un de 2.000 para o “recanteiro” co mellor clube de fans. Por iso Rocío Varela, “Roko”, quere que se divulgue ó máximo a existencia deste certame, que vai xa pola súa cuarta edición, pero que se emite de madrugada.
“O recoñecemento por parte do público é bastante importante”, aclara Rocío, que compaxina a súa afección polo canto cos estudos de Relacións Laborais. “Cada semana cantamos dous de nós e, despois da actuación, ábrese un tempo para que a xente chame por teléfono desde a casa”, explica sobre o desenvolvemento das probas.
Rocío Varela canta desde pequena, aínda que, salvo un curso de técnica vocal e solfexo, a súa dedicación é autodidacta. A súa actuación no Canta Ferrol, animada polos seus coñecidos, abriulle a porta a novas propostas, como as súas actuacións na Fashion Night de Ferrol e tamén na de Pontedeume, e a proxectos como o concurso Recantos, xa que foi a partir do bo posto obtido cando decidiu presentarse ó casting que se celebrou no verán. Tamén está a traballar en pequenos proxectos persoais, como a colaboración cun dj, que darán froito no futuro. Polo de agora, céntrase nos estudos e en sacar o máximo proveito da experiencia televisiva que está a vivir e que pode ser unha porta a outras oportunidades.
O seu bo facer pode verse na propia web do concurso (blogs.crtvg.es/luarecantos) e tamén nunha canle de Youtube na que goza cos estilos que máis lle gustan: o pop/rock, o gospel, o Rhythm & Blues e, sobre todo, o jazz.

A cantante Rocío Varela representa ó Eume en “Luar”

Te puede interesar