Exposición, obradoiros e lectura para conmemorar o Día de Rosalía en Narón

|

O Concello de Narón quere recordar un ano máis a figura de Rosalía de Castro e o salientable papel que a autora galega desenvolveu na época, “facendo unha férrea defensa da nosa lingua e deixándonos un valioso legado coa súa obra”, tal e como onte destacou a alcaldesa, Marián Ferreiro. Acompañada pola concelleira de Ensino e Bibliotecas, Mercedes Taibo, deron a coñecer as actividades que ao longo desta semana formarán parte da conmemoración do Día de Rosalía.
Así, a sala de adultos e infantil da Biblioteca acolle desde o luns e ata o vindeiro sábado unha exposición bibliográfica sobre a poetisa.


Nas mesmas instalacións terán lguar o sábado uns obradoiros infantís de pintura e creatividade literaria. Trátase dunha actividade pensada para menores de entre 6 e 12 anos, impulsada a través do Servizo de Normalización Lingüística do Concello e no que se decorarán camisetas (“Renova a camisola con Rosalía de Castro”) e chapas (“Chapando a Rosalía”), afondando dun xeito lúdico e didáctico na obra da homenaxeada. Serán de 10.00 a 11.30 horas.

Os nenos e nenas que queiran participar terán que inscribirse previamente. Poderán facelo ata o venres, na dirección de correo electrónico a.pita@naron.es, e o número de prazas está limitado a un máximo de vinte persoas. O sábado haberá tamén unha lectura pública da obra da autora, a partir das 12.00 horas na Biblioteca, nunha cita aberta á cidadanía.
Na Ludoteca-Axencia de Lectura da Solaina acolle esta semana un obradoiro de pintura, mentres que nas xornadas do venres e do sábado entregarase unha flor cos libros en préstamo e tamén en oito librarías da cidade.

Exposición, obradoiros e lectura para conmemorar o Día de Rosalía en Narón