Baile e música tradicional para todas as idades e niveis nas escolas do Toxos

Baile e música tradicional para todas as idades e niveis nas escolas do Toxos
Neste novo curso das escolas do Toxos volverá haber baile para nenos e nenas e tamén para adultos, de diferentes niveis

Co mes de setembro volta ano tras ano a actividade a moitos eidos tralo merecido descanso estival. Tamén ao cultural, no que o Real Coro Toxos e Froles ocupa un lugar fundamental na cidade ferrolá. A entidade, con máis de cen anos de vida, ten xa aberto o prazo de inscrición para participar nas súas escolas de baile e música tradicional. “É a oferta da nosa entidade que máis veu crecendo nos últimos tempos, chegando a ter no curso pasado 250 alumnos”, salientan.

A día de hoxe xa van máis de cen inscritos. A estrutura e organigrama destas clases está pensado para que poidan participar todas as persoas interesadas en achegarse á música e ao baile tradicional galego, “sen ningún tipo de restricción”.

Impártense aulas desde os tres anos de idade e para todos os niveis, desde iniciación ata perfeccionamento, polo que todo o mundo ten posibilidade de participar nas mesmas.

Ao fronte delas atoparanse, unha vez máis, mestres de recoñecido prestixio na nosa comarca, “e que xa levan ensinando nas nosas escolas nos últimos tempos, co que buscamos unha certa continuidade no traballo realizado, tanto á hora de diferenciar os distintos niveis como á hora de ir artellando as músicas e bailes que se interpretarán conxuntamente”, apuntan.

Sabela Docampo, Silvia Ferrín, Ana Caeiro, Ana Corral, Fernando Dopico e Arturo Lamas forman o plantel docente da entidade. Baile para nenos e para adultos, pandeireta, tambor e gaita inclúense na oferta de propostas, ás que unha vez máis sumaranse as clases de encaixe de bolillos que serán impartidas por María Piñeiro os mércores de 16.30 a 19.30 horas. Todas as clases con completamente gratuítas.

Baile

No que atinxe ao baile, ofértanse dous grupos de nenos e outros dous de adultos. Os primeiros divídense en dúas franxas de idade.

Na destinada a nenos e nenas de 3 a 7 anos conxugarase o ensino dos rudimentos básicos de técnica de danza cunha aproximación aos instrumentos de percursión para ir aprendendo os ritmos e cantos da cultura galega.

Noutro grupo, os rapaces de 8 a 11 anos comezarán a traballar no ensino de bailes de grupo, continuando tamén coa formación no canto e nos instrumentos de percusión.

No que respecta ao de adultos, haberá tamén dous grupos, ámbolos dous os xoves. De 20.00 a 21.00 horas será a quenda para os de iniciación á danza tradicional galega, coa aprendizaxe da colocación corporal, a técnica e puntos de baile sinxelos.

A continuación, de 21.00 a 22.00 horas, asistirán a clase aquelas persoas que xa contan cunha base necesaria para aprender os bailes galegos.

Pandeireta

As de pandereita son as clases que contan cun maior número de alumnos e están divididas en tres niveis diferentes: desde o de iniciación a aprendizaxe do instrumento ata o nivel no que se traballa cun repertorio definido. Neste caso, as clases están fixadas para os mércores de 20.15 a 22.30 horas.

Tambor

Tamén nas xornadas do mércores, pero neste caso de 19.30 a 21.30 horas, desenvolverase a actividade de tambor galego.

Esta compónse de dous niveis: un primeiro de inicio na técnica de percusión e outro máis avanzado, no que se traballan unhas pezas musicais específicas.

Gaita

Ao igual que as demais actividades, tamén a de gaita está prantexada como unha aprendizaxe progresiva: desde unha primeira aproximación ao instrumento ata a aprendizaxe de melodías, técnicas ou ornamentación requeridas na música galega. As clases están previstas para os xoves desde as 19.00 ás 22.00 horas.

“Esta oferta está pensada para que poida participar a maior cantidade de xente posible”, din desde a entidade.

Precisamente coa finalidade de presentar todas estas actividades de forma pública e aclarar todas as dúbidas que poidan xurdir no funcionamento, na organización e nos horarios das distintas clases, celebrarase esta tarde unha xuntanza aberta a todas as persoas interesadas. Será ás 20.00 horas no primeiro andar do local social do Toxos, na rúa Magdalena. l

Baile e música tradicional para todas as idades e niveis nas escolas do Toxos

Te puede interesar