O teatro tomará Cariño durante as dúas semanas da senlleira Mostra

O teatro tomará Cariño durante as dúas semanas da senlleira Mostra

As mellores compañías de público infantil e adulto visitarán entre o 9 e o 21 de agosto o municipio de Cariño no marco da XLII Mostra de Teatro Galego, adaptada este ano ás circunstancias sanitarias actuais a través dun protocolo de hixiene e prevención para seguir loitando contra a Covid-19.

Precisamente por este motivo o programa extenderase este ano durante dúas semanas –ata agora duraba unha– co obxectivo de reducir o número de funcións diarias para evitar aglomeracións e facilitar a desinfección dos espazos. O auditorio municipal, a Praza do Campín, o local social da casa consistorial e as rúas do municipio serán escenario dos diferentes espectáculos.

O teatro na rúa, na Praza do Campín, seguirá sendo gratuíto pero terá lugar nun recinto pechado, ao aire libre, para o que será necesario reservar entrada.

A Mostra será inaugurada o día 9 coa peza “Aguilllóns de Ortegal” creada pola compañía Barafunda Animación especificamente para a cita de Cariño. Desde as 12.30 horas será ofrecida de xeito itinerante polas rúas do municipio. Ás 20.30 horas terá lugar o acto oficial de presentación na Praza do Campín, no decurso do cal procederase á entrega do premio do público adulto e do infantil da pasada edición a Malasombra Producións con “Bernarda” e a Magín Blanco e Teatro Ghazafelhos con “A nena e o grilo máis alá”. O concerto de Festicultores poñerá o colofón á xornada.

Infantil

A primeira semana estará dedicada ao teatro infantil e familiar. No Auditorio, sempre ás 12.00 horas, representaranse a obras “Carabela” de Galeatro (día 10); “O sal do mar e outros contos mariñeiros”, de Teatro del Andamio (11); “Cartóons”, de Excéntricas (12); “Lambetadas”, de Talía Teatro (13); e “Contos de recreo”, de Redrum Teatro, o venres 14.

Xa na praza do Campín, o sábado terá lugar, ás 12.00 horas, “Forzu2”, de Circo Chosco; e ás 20.30 horas “Te veo”, da Compañía Vaya-B-Side. O domingo 16, ás 12.00 horas partirá da casa consistorial o espectáculo de animación na rúa “Animacreques”, de Catropés; para ás 13.15 horas continuar a animación na praza do Campín co “Concerto con fusión” de Píscores e ás 20.30 horas “Ohlimpiadas” da compañía La Sincro.

Ademais, o xoves 13, a partir das 21.00 horas, o poeta cariñés Paulo Maestro, gañador do Slam Poetry Compostela 2019, presentará o seu traballo “Non hai dous sen trece” no local da Casa Consistorial.

A segunda semana centrarase no teatro adulto. Así, desde o día 17 e ata o 21 poñeranse en escena, sempre no Auditorio ás 22.15 horas, as pezas “Curva España”, de Chévere Teatro; “As virxes salvaxes”, de Teatro do Noroeste; “Medida por Medida”, de Excéntricas; “Dúas donas que bailan”, de Teatro do Atlántico; e “Electra”, da Companhia do Chapitô portuguesa.

Toda a programación desta senlleira cita coas artes escénicas pode ser consultada na páxina web oficial do evento (www.mostrateatrocarino.gal).

Presentación

O alcalde de Cariño, José Miguel Alonso Pumar; o concelleiro de Cultura, Jonathan Miranda; e o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, presentaron onte a programación e o cartel do evento, este último obra do coñecido ilustrador Luis Davila.

Nel, caracterizou ao seus típicos personaxes cos aguillóns e o percebe na gamela (nome que se lle dá en Cariño á lancha) chamada “Malveira”, en homenaxe á asociación fundadora do festival de teatro.

O rexedor salientou o “intenso traballo” realizado polo Concello para poder desenvolver a Mostra, marcada totalmente pola pandemia do coronavirus, para evitar que se perdese a regularidades “dunha das citas culturais máis importantes do verán galego”, dixo. “As actuacións van estar cargadas de medidas de seguridade”, engadiu, e animou á participación dos veciños e veciñas da vila e tamén aos de fóra.

Couto, pola súa banda, refrendou o apoio do entre provincial a este tipo de eventos “que hai que apoiar porque representan o que defendemos: a cultura non só se ten que celebrar nas grandes cidades, senón que ten que expandirse por toda a sociedade”. Valorou así mesmo que concellos como o de Cariño desenvolvan “mostras como esta”. l

O teatro tomará Cariño durante as dúas semanas da senlleira Mostra

Te puede interesar