Os roteiros didácticos sobre Carvalho Calero achegan a figura do autor aos estudantes

Os roteiros didácticos sobre Carvalho Calero achegan a figura do autor aos estudantes
Casa Carvalho Calero

Co obxectivo de dar a coñecer a historia e a pegada do autor ferrolán Ricardo Carvalho Calero na súa cidade natal así como a súa achega e firme compromiso coa lingua e cultura galegas, hoxe darán comezo os roteiros didácticos destinados aos estudantes de 3º e 4º da ESO e Bacharelato da cidade.
A Concellería de Normalización Linguística dirixida por Álvaro Montes é a impulsora dunha iniciativa que sobre o terreo será desenvolvida por persoal da cooperativa Rexenerando. Consistirá nun paseo dunha hora e media de duración que atopará na Praza Vella, no barrio natal do autor ferrolán, o punto de partida, para continuar pola Rúa Real, Cantón, Esteiro e rematar na Praza de Armas.
Un percorrido “por 80 anos de historia para visibilizarnos a cerna galeguista da nosa cidade e reivindicarmos o compromiso inquebrantábel coa lingua e a cultura galegas dun dos intelectuais de maior relevo do século XX”, salientan desde a organización. 

información
Os estudantes recibirán información, ao longo do roteiro, sobre as etapas do autor na cidade ferrolá, o seu nomeamento como Fillo Predilecto ou sobre a necesidade de reivindicar a figura de quen, entre outras moitas cousas, foi redactor do Anteproxecto de Estatuto de Galiza, fundador do Partido Galeguista, autor do primeiro romance escrito en galego despois da guerra ou primeiro catedrático da USC de Lingua e Literatura Galega.
A área de Normalización Lingüística enmarca esta actividade no seu obxectivo de recuperación de espazos de socialización e uso do galego, nunha liña de actuación na que, tal e como explicou Montes, terá continuidade con novas propostas como a relacionada coas Irmandades da Fala, de cuxo nacemento cumpriranse cen anos en 2016.
Os roteiros darán comezo esta mesma mañá coa participación do IES Ricardo Carvalho Calero. Polo de agora, inscribíronse na iniciativa un total de cinco institutos, se ben aínda está aberto o prazo de solicitude. As citas xa concertadas desenvolveranse ata o mes de decembro.

Os roteiros didácticos sobre Carvalho Calero achegan a figura do autor aos estudantes

Te puede interesar