O CEIP Manuel Masdías pon en marcha grupos interactivos para mellorar o rendemento académico

O CEIP Manuel Masdías pon en marcha grupos interactivos para mellorar o rendemento académico
Diario de Ferrol-9999-99-99-999-6414dfa2

O colexio Manuel Masdías de Caranza vén de poñer en marcha este mesmo curso académico unha estratexia educativa aínda  con moi pouca presenza na comunidade galega. Trátase dos grupos interactivos, unha forma de organización da aula na que os alumnos traballan en pequenos grupos heteroxéneos da man de adultos –poden ser familiares, amigos, veciños do barrio, universitarios...– que contribúen a dinamizar a clase.
“Canta máis xente participe na aprendizaxe dos nenos e con diferentes visión, mellor é” comenta o director do centro, Óscar González Montañés.
Ademais, a través deste sistema, “os nenos axúdanse entre si á hora de resolver os problemas contribuíndo tamén deste xeito á mellora da convivencia”, engade. Neste primeiro ano, o programa desenvólvese cada quince días, en todos os cursos –desde 4º de Infantil ata 6º de Primaria– e nas clases de Matemáticas.
Polo de agora cóntase coa participación de 25 adultos, voluntarios que achegan así o seu gran de area na busca da mellor calidade do ensino. “Non desenvolven o papel de mestre, o que fan é dinamizar a clase a través de diferentes actividades, polas que van pasando todos os grupos”, explica o director, quen expresou a suá satisfacción pola implicación de todas estas persoas. No tempo que dura a actividade, o profesor da clase convértese en coordinador e observador.
A primeira das sesións do programa tivo lugar hai dúas semanas e a resposta foi moi boa. Cando remate o curso, farase unha valoración e se esta é positiva, o centro estudará a posibilidade de extender o vindeiro curso esta novidosa metodoloxía á materia de Lingua.
Os grupos interactivos constitúen unha das fórmulas integradas nas denominadas comunidades de aprendizaxe, un proxecto educativo baseado nunha serie de actuacións dirixidas á transformación educativa e polo tanto  social.
A mellora do rendemento académico e o enriquecemento das relacións da comunidade educativa son algúns dos obxectivos do programa desenvolvido polo Manuel Masdías.

O CEIP Manuel Masdías pon en marcha grupos interactivos para mellorar o rendemento académico

Te puede interesar