Narón reforza a súa aposta polas artes escénicas cun festival de monólogos

Narón reforza a súa aposta polas artes escénicas cun festival de monólogos
Copia de Diario de Ferrol-9999-99-99-999-c2af7590

A firme aposta do Concello de Narón nas últimas décadas polo teatro e as artes escénicas en xeral convertiu ao municipio nun dos referentes da escena a nivel galego. “Cando aínda non se sabía que Narón era a oitava cidade de Galicia, xa se coñecía polo teatro. Fomos pioneiros e aínda que ao principio nas obras había case máis actores que público, insistimos e agora todas as fins de semana o Pazo da Cultura énchese para ver teatro”.
Deste xeito expresábase onte o alcalde de Narón, José Manuel Blanco, na presentación, en Santiago de Compostela, dunha nova iniciativa que, tal e como dixo, pretende reforzar aínda máis esta liña de acción.
Trátase de Singular, un novo Festival do Monólogo Teatral que nace da colaboración entre o propio Concello, a través do Padroado da Cultura, e a produtora Eme 2. A proposta quere converterse nunha nova cita na axenda cultural galega que chegue tanto ao público habitual do teatro como a unha nova audiencia que faga o seu primeiro achegamento ao mundo da interpretación a través de propostas cómicas.
Potenciar as iniciativas dramáticas unipersoais e misturar os a tradición teatral, a innovación dramatúrxica e os alicerces do monólogo humorístico son algúns dos obxectivos dun programa que botará a andar este mesmo venres, no Pazo da Cultura, coa estrea do “Monólogo do Imbécil” do dramaturgo naronés José Prieto –un texto de 2003 co que acadou o Premio Max de Teatro– e protagonizado polo actor galego Xosé Antonio Touriñán. Haberá dúas funcións: a do venres (20.30 horas) e outra o sábado (20.00 horas) no Café Teatro do Pazo. O prezo das entradas é de 9.50 para o público en xeral (6,65 para abonados).
Touriñán, que retoma así a personaxe que en 2003 interpretou Santi Prego, salientou que é unha “honra e un reto” facer esta obra. “Este é un dos maiores retos aos que me enfrontei durante a miña traxectoria; ogallá sexa capaz de sacar o imbécil que levo dentro co nivel que esixe o texto”, apuntou. O actor galego ponse na pel de Santi, un home ao que todo lle sae mal. “Creo que vai ser unha gran revelación para o público velo, pola gran cantidade de matices que achegan á personaxe”, manifestou pola súa banda Prieto. Ámbolos dous estiveron presentes na presentación do Festival, no que xunto ao rexedor naronés participaron tamén a concelleira de Cultura, Marián Ferreiro, e a produtora teatral, en representación de Eme2 Mercedes Castro. Tal e como apuntou esta última, o Festival Singular será a primeira parada do “Monólogo do Imbécil”, que tralo seu paso por Narón comezará unha xira que o levará por diferentes cidades e vilas galegas e do territorio estatal.

programa
Xunto a esta obra, outros tres monólogos darán forma nos sucesivos venres do mes de abril –ás 20.30 horas no Café Teatro do Pazo– ao Festival “Singular”. Así, o día 8 será o turno para  Elías Cabañete e José L. Esteban con “Arte de las putas, una historia de amor”, producido por Jotacción. O 15 de abril tomará o relevo Celso Sanmartín, con “Contar”, e pechará o cartel o día 22 o humorista cantador Riki López con “Me tengo contento”.

Narón reforza a súa aposta polas artes escénicas cun festival de monólogos

Te puede interesar