Catabois vivirá o luns a noite máis terrorífica do ano coa festa do Samaín

Catabois vivirá o luns a noite máis terrorífica do ano coa festa do Samaín

Coa intención de converter o barrio no epicentro da celebración do Samaín na cidade naval, a asociación de comerciantes, empresarios e hostaleiros ECHO Catabois leva seis anos facendo un importante esforzo na organización dunha cita que cada ano acada unha maior implicación por parte de veciños e visitantes.
A sexta edición de “O Kilómetro do terror”, que terá lugar o vindeiro luns, volverá sacar do cemiterio municipal as ánimas dos defuntos para se reencontrar, durante unha horas, cos vivos.
O desfile, que partirá ás 20.30 horas desde o camposanto, será o prato forte dunha xornada que comezará unhas horas antes, a partir das 18.00 horas, coa celebración dos talleres de maquillaxe e os certames de caracterización, ambientación, cabazas, decoración e de carrozas incluidos no programa.

premios
De determinar o nome dos gañadores en cada un deles encargarase un xurado composto pola actriz Cristina Moreira, a xornalista Marta Corral e a deseñadora Alúa García.
En total, a asociación repartirá arredor de 1.000 “cataleuros”, como así lle deu en chamar un ano máis a organización aos cartos dos galardóns, que terán que ser gastados nos negocios da devandita asociación coa finalidade de dinamizar o comercio e hotalería da zona.
Na actualidade, o número de socios de ECHO sitúase no medio millar, polo que desde a directiva da entidade aproveitan a ocasión para animar a moitos outros, que aínda non forman parte do colectivo, a darse de alta.
Xunto ao certame de cabazas –poderán ser entregadas a partir das cinco da tarde e distinguirase á máis orixinal e a máis terrorífica– e do de caracterización –con galardóns individuais en coletivo–, organízase tamén un de ambientación para socios de ECHO e outro dirixido aos veciños do barrio coa decoración das súas vivendas.
A organización brindará ademais a posibilidade, a todos os que así o desexen, de caracterizarse de xeito gratuíto para a ocasión dos dous postos situados na zona e que correrán a cargo de Fiestoke (estarán operativos entre as 18.30 e 20.30 horas).
Os premios entregaranse ao remate do desfile, sobre as 22.30 horas, no palco situado ao lado do café bar Daikevel.
A organización habilitará ademais un aparcadoiro alternativo na zona do antigo campo de tiro, tomando o desvío por “Vagalume”, indican.

pasarrúas
O acto principal da xornada chegará coa celebración da “Volta das ánimas”, unha procesión terroríficamente divertida da que formarán parte varias carrozas acompañadas de grupos de persoas caracterizadas para a ocasión así como polas batukadas dos grupos Agarimo e Retumbatuke.
Partirá ás 20.30 horas do cemiterio de Catabois para continuar pola estrada do barrio nun percorrido que estará cheo de sorpresas, animación teatral e música. O “alcalde das ánimas” encabezará a comitiva.

gastronomía
A gatronomía será, un ano máis, outro dos alicientes do Samaín de Catabois. Os locais de hostalería asociados ofrecerán durante a xornada deliciosas tapas e menús acordes totalmente á temática da festa e nos que haberá, entre outras moitas, receitas como “tripas ensangrentadas”, “demonios arácnidos”, “pizzarañas”, “larvas putrefactas” ou “salchichas momificadas”.

Catabois vivirá o luns a noite máis terrorífica do ano coa festa do Samaín

Te puede interesar