Unha campaña socialista informa sobre a Lei do Aborto a partir dos 16

Unha campaña socialista informa sobre a Lei do Aborto a partir dos 16
Sargadelos rueda de prensa del PSOE para presentar una campaña de igualdad

A Secretaría de Igualdade do PSdeG e as Xuventudes Socialistas comezan unha campaña de información na comarca para desmentir que a actual Lei do Aborto estableza a interrupción do embarazo por parte de menores sen información ós pais no caso de rapazas de 16 e 17 anos. “É unha campaña didáctica na que falamos do que realmente di ese artigo 13, que o Partido Popular está manipulando dun xeito interesado e que nós queremos explicar para que sexa a cidadanía a que decida, que nos consta que se len o artigo estarán a favor”, comentou onte en rolda de prensa a secretaria de Igualdade, Eva Martínez.
“O dereito á interrupción voluntaria do embarazo está condicionado, e si se especifica que teñen que estar informados o pai, nai ou titor”, engadiu. “Hai unha excepción: cando a menor alegue fundadamente que isto lle provocará un conflito grave”, que pode implicar violencia no seo da familia, amezas, coaccións, malos tratos “ou se produza unha situación de desarraigo ou desamparo”.
Para Martínez, “falamos de situacións graves e complexas que calquera persoa pode comprender”, e asegurou que no 90% dos abortos en mulleres de 16 e 17 anos se informou ós pais.
Tamén insistiu no feito de que a partir dos 16 anos se pode decidir sobre o corpo sen consentimento paterno no que se refire, por exemplo, a intervencións de cirurxía estética ou ó rexeitamento de tratamentos médicos, pero non se quere permitir esa mesma liberdade no caso de embarazos non desexados.
Porén, a campaña “Que non nos toquen a lei” terá un enfoque máis centrado na saúde sexual, na educación e prevención, para evitar estas situacións. Por iso desde as Xuventudes Socialistas farán un reparto de preservativos e de octavillas informativas na rúa, ademais de continuar coa acción que xa se iniciou nas redes sociais e co reparto de carteis nas sedes. Comezan esta fin de semana no Entroido ourensán e en breve chegarán tamén á comarca de Ferrol. Aitor Rodríguez, portavoz comarcal de XXSS, subliñou que se acudirá ó campus e a lugares habituais de ocio para achegarse ós máis novos. Respecto á posible modificación do polémico artigo por parte do PP, falou de “burda manipulación noutro intento de limitar a liberdade e os dereitos das mulleres seguindo as ordes da Igrexa, convertindo en delito para todas o que é pecado para algúns. As Xuventudes non van quedar de brazos cruzados”.
A presentación desta campañza en Ferrolterra coincidiu coa conmemoración do Día Europeo da Saúde Sexual, como lembrou a coordinadora comarcal do PSOE, Victoria Gómez.

Unha campaña socialista informa sobre a Lei do Aborto a partir dos 16

Te puede interesar