Seis innovadoras propostas educativas darán forma ás I Xornadas de EU Ferrol

Seis innovadoras propostas educativas darán forma ás I Xornadas de EU Ferrol
IU rueda prensa educación

A área de Educación de Esquerda Unida Ferrol celebrará este venres, a partir das 19.00 horas no salón de actos do Ateneo Ferrolán, as I Xornadas de Innovación Educativa. A proposta, que chega coa intención de continuar no tempo, quere contribuír á difusión de proxectos que amosan que con “creatividade, audacia, imaxinación, ilusión e pedagoxía” é posible combatir unha lei como a Lomce, “tan retrógrada, clasista e que fundamenta a súa base pedagóxica na memorización”, sinalan desde EU.
O coordinador local da formación ferrolá, Miguel Castro; a integrante de área de Educación, Lorena Dapena; e o militante e actual concelleiro de Cultura e Ensino de Ferrol, Suso Basterrechea, presentaron onte en rolda de prensa os detalles dun programa que nesta primeira edición incluirá a participación de seis experiencias da cidade e comarca.

proxectos
A directora do CEIP Plurilingüe San Xoán de Filgueira falará do proxecto “A miña escola, a miña familia”, que precisamente vén de recibir o Premio “Buenas prácticas para el éxito educativo” promovido pola Fundación SM a nivel estatal. Miguel Carnota, do IES Breamo, achegará o traballo desenvolvido polo centro eumés arredor do programa de radio “Ponte en galego” impulsado desde o equipo de dinamización lingüística, mentres que a profesora do CPI de Atios (Valdoviño) amosará os resultados do enxeñoso proxecto de reciclaxe para os chicles, titulado “Despois de roído, mellor recollido” e desenvolvido polo equipo de alumnos  de robótica do centro –consiste en recoller chicles mascados, que posteriormente desinfectan e someten a diferentes tratamentos para a continuación intentar fabricar con eles obxectos sinxelos, como fichas para xogos de mesa, púas de guitarra...–. A iniciativa foi distinguida na proba da First Lego League celebrada o pasado febreiro na Coruña.
Do cartel das xornadas formará parte tamén a Coordenadora de Equipas de Normalización, en plena conmemoración do seu 25 aniversario, para dar conta dalgunhas das actividades xa consolidadas como poden ser o Festival da Mocidade coa Lingua ou o ciclo de teatro en galego, entre outras. Pilar Patiño e Xil López, membros da entidade, falarán de todo isto.
O IES Concepción Arenal estará presente a través da figura do profesor Manuel González, impulsor do proxecto “Cliphistoria” no que o cine convértese na ferramenta para o estudo da Historia.
A última das experiencias que se darán a coñecer o venres no decurso das Xornadas de Innovación Educativa é a do “Peque Coro” do Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño de Ferrol. As profesoras Catuxa Pita e Alexandra Pita falarán dunha formación que na actualidade supera xa o centenar de alumnos.
O formato da sesión será moi dinámico, con exposicións duns 15 minutos por parte de cada unha das experiencias, que ademais estarán acompañadas de materiais audiovisuais.
O coordinador local de Esquerda Unida Ferrol, Miguel Castro, salienta o papel que as xornadas terán como punto de encontro e de intercambio de experiencias entre os diferentes centros e profesionais da docencia. “Nos parece fundamental amosar todos os traballos en positivo fronte a unha lei retrógrada e atemporal como é a Lomce”, comentou onte. Castro, que incidiu na necesidade de acadar un pacto educativo estable, manifestou a intención de dar continuidade ás xornadas para dar cabida nas vindeiras edicións a moitos outras iniciativas fraguadas nas aulas da zona.

Seis innovadoras propostas educativas darán forma ás I Xornadas de EU Ferrol

Te puede interesar