Un cento de postos e multitude de propostas na Feira Medieval de Ferrol

Un cento de postos e multitude de propostas na Feira Medieval de Ferrol
Feria Medieval Ferrol

A cidade ferrolá en xeral e Ferrol Vello en particular vivirán unha intensa fin de semana coa celebración, desde mañá venres e ata o domingo, dunha nova edición da Feira Medieval.

Preto dun cento de postos chegados de diferentes lugares e con gran variedade de produtos a disposición do público permanecerán instalados polas rúas dun barrio cheo de animación durante os tres días. Haberá obradoiros, espectáculos para todas as idades, xogos, recreacións históricas e moitas outras propostas que permitirán retroceder no tempo para empaparse do ambiente medieval.

De ler o pregón encargarase o músico mugardés Xoán Rubia. Será mañá venres, ás oito da tarde, nun acto no que estará acompañado polo concelleiro de Festas Antonio Golpe.


Este presentou precisamente onte xunto a Anxo Fernández –da empresa Xema Comunicación, encargada de organizar a feira– os detalles dun programa que agarda recibir, como en anos anteriores, milleiros de persoas –por encima das dez mil cada día–.

Animación
Esta cita co pasado constituirá ademais, segundo salientou onte Golpe, o punto de partida da animación nas rúas da cidade nun mes de agosto no que do 23 ao 31 terá lugar a semana grande das festas, cos concertos e as outras propostas anunciadas esta mesma semana polo goberno local.
O concelleiro destacou tamén a gran aceptación que ano tras ano ten a Feira Medieval, que este ano, segundo explicou o organizador, desenvolverase en catro escenarios principais: a praza de San Francisco, sede do Campamento Medieval; a Alameda do Carbón; a Praza Vella; e a Rúa San Francisco.


O mercado medieval abrirá as súas portas mañá venres, a partir das doce do mediodía.


A partir de aí comezarán a desenvolverse as numerosas propostas deseñadas, que serán executadas polos grupos Bandora Medieval, O Fauno e os seus adláteres, Tragaleguas Teatro e Acibreira. Maxia medieval, animación musical, teatro, pasarrúas e outras, bailes e moitas outras citas dan forma a un programa que, como sempre, agarda recibir a milleiros de visitantes.

Un cento de postos e multitude de propostas na Feira Medieval de Ferrol

Te puede interesar