Música, cine e libros para celebrar desde Ferrol a relación próxima co “Abril Portugés”

Música, cine e libros para celebrar desde Ferrol a relación próxima co “Abril Portugés”
Diario de Ferrol-2014-04-22-007-8507911d

“Pensamos que era unha iniciativa interesante cun dobre obxectivo: por unha banda reivindicar a forza e presenza da cultura portuguesa entre nós e, por outra, amosar que se pode colaborar con outras entidades da cidade á hora de levar adiante unha programación cultural”. Desde o departamento de portugués da Escola Oficial de Idiomas (EOI), Antía Cortizas Leira destaca a cerna dunha proposta feita en unión co Ateneo Ferrolán, onde se celebrarán a maioría dos actos, con entrada libre, desde hoxe ata o vindeiro sábado.

programa
Así, esta tarde ás 20.00 horas a programación comeza coa presentación do libro “Emigrantes, exilados e perseguidos. A comunidade portuguesa na Galiza (1890-1940)”, do que é autor o historiador Dionisio Pereira.
Mañá, á mesma hora e lugar, haberá unha mesa redonda na que se presentará a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) “Paz Andrade”, unha proposta que leva o nome do intelectual e empresario galego acerca da importancia de promover a lingua e cultura portuguesas en Galicia. A iniciativa chegou en 2012 ao Parlamento galego impulsada por 17.000 sinaturas. No Ateneo Ferrolán Isabel Rei e Maria Castelo falarán das súas características.
O mércores tamén ás 20.00 horas poderá verse a longametraxe clásica “Aniki Bóbó” (1942), un drama do lonxevo director Manoel de Oliveira. Na propia sede do EOI o venres de 17.00 a 19.00 horas a emisora local Radio Filispim fará un programa en vivo con entrevistas a membros da EOI, alumnado antigo e actual e tamén a José Ramón Pichel falando da citada ILP. Así mesmo, falarán persoas de fala portuguesa que viven en Galicia e persoas galegas que marcharon ao Brasil. Tamén esa noite, pero na sede da Fundación Artabria, en Esteiro,  haberá un xantar popular e actuacións musicais de artistas portugueses.
Finalmente, o sábado a partir das 12.00 horas o cantautor Jorge Mirancos actuará nunha sesión vermú con entrada libre na sede do Ateneo, concerto que pecha esta primeira programación que trata de pór en valor a lingua e cultura portuguesas a un nivel popular en Ferrol. n

Música, cine e libros para celebrar desde Ferrol a relación próxima co “Abril Portugés”

Te puede interesar