Superadas as dúas décadas de vida, o Oenach Atlántico de Sedes mantense máis vivo que nunca. O amplo e variado programa de actividades e a gran afluencia de público rexistrada durante os tres días dan boa conta do éxito dunha festa que recrea as raíces da cultura celto galaica e os modos de vida da época.
A AVV Rosa dos Ventos, en colaboración co Concello de Narón, impulsaron un ano máis un programa declarado Festa de Interese Turístico de Galicia e que este ano tivo unha resposta “espectacular”.
Así se salientou onte desde a propia entidade veciñal, encantada co desenvolvemento dunha cita que desde o venres e ata a xornada de onte celebrou un intenso calendario de propostas no marco da súa vixésimo primeira edición.
Un mercadillo de artesanía –que ademais serviu de marco para a realización de obradoiros e recreacións de oficios tradicionais–, animación musical, espectáculos familiares, xogos, teatro e gastronomía foron algúns dos seus ingredientes.
“A festa foi un éxito, houbo moita xente, vese que vai perdurar no tempo”, apuntaban desde a organización.
Na xornada de onte, a campa do Trece acolleu, entre outras actividades, unha exhibición de cans de palleiro, unha nova recreación teatral, xogos familiares e música e baile cos grupos do Padroado da Cultura de Narón. O espectáculo infantil “A danza da choiva” de Elefante Elegante e a actuación musical de Pelapau pecharon a sesión.
A edición deste ano veu marcada polo seu irmanamento co Arde Lucus, un acto que se celebrou o pasado luns en Lugo e na que os seus organizadores se comprometeron a “sumar forzas” para seguir a reforzar e difundir as raíces culturais de Galicia.