“Resúltame máis difícil a gaita que a zanfona”

“Resúltame máis difícil a gaita que a zanfona”
maría lópez carballo vai a clases de zanfona, de gaita e de solfexo d.a.

“A Maruxiña, a Foliada de Tenorio e a Muiñeira de Chao”. Con total seguridade lembra María Lopez Carballo as pezas que tocou o pasado 27 de decembro no Auditorio do Mar, en Vigo. Non é para menos, pois levaba xa tempo ensaiando co seu pai para poder subir ó escenario con Carlos Núñez. O músico galego fixo un chamamento ós rapaces para facer un concerto e María, esta nena naronesa –agora vive en Neda– de oito anos, mandou a súa gravación. E, como non, Carlos Núñez quíxoa ó seu lado. Porque viu nela o mesmo que os centos de persoas que ata hoxe xa asistiron á súa actuación a través dun par de vídeos de Youtube: un encanto e unha naturalidade pasmosa. Os pais non saben quen os subiu á rede, pero o certo é que esta nena, que comezou o curso pasado a tocar a zanfona no Padroado de Cultura de Narón e que este ano se inscribiu en gaita con Daniel Bellón, é xa toda unha celebridade.

A semana pasada, o propio Anxo Pintos, de Berrogüetto, recoñeceuna cando veu tocar a Narón e lla presentaron. “Gustáchesme máis que Carlos Núñez”, díxolle. Ela, ante tanta louvanza, responde “gracias” e rise. E a outra cousa. Di que non fallou nin unha nota e, desde logo, cando cantou, a voz non lle tremeu nin un chisco. Que non vía o público, porque as butacas estaban a escuras, e que non se puxo nada nerviosa. Ata berrou un aturuxo.

María estuda 3º de Primaria no colexio da Solaina e ademais vai a clases de debuxo, a solfexo, a zanfona e a gaita. É ela quen se empeña en ter tanta actividade, porque ten claro que de maior quere dedicarse á música. “O verán pasado dicíalle ós meus pais: quero ir a gaita, quero ir a gaita; e eles dicíanme: o curso que vén”. Di que a gaita lle resulta máis difícil que a zanfona e relata de memoria tódalas pezas que xa aprendeu desde que comezou o curso: “Patelas, Buxos Verdes, Pastoriza, Antigo Reino, Muiñeira de Chao, Pasodobre Argentino...”

En casa, gústalle moito escoitar música folk e, de feito, xa coñece a intérpretes importantes. Óscar Fernández (Os Cempés) dálle clases de zanfona e, a través do Padroado, ela e varios dos seus compañeiros tocaron no concerto que deu o grupo ferrolán, pero tamén con Budiño, hai poucos meses. Así que María ten experiencia ante auditorios tan grandes como o Pazo da Cultura de Narón (con 900 localidades). Aínda así, antes de saír ó escenario en Vigo comentáballe á súa nai que parecía máis grande que o do Pazo.

Ese día, entre o público tiña ós pais, á avoa, ós tíos e a algún amigo. E que che dixeron, María? “Que o fixera moi ben”.

“Resúltame máis difícil a gaita que a zanfona”

Te puede interesar