Arturo Regueiro: “Ferrol é a cidade máis ‘cajún’ de Galicia, cáese e sempre se ergue”

de esquerda a dereita, cabe garcía, óscar painceiras, víctor sánchez, luís cuntín e arturo regueiro j m.
|

O activo animador cultural e poeta Arturo Regueiro –finalista do Premio Esquío– estará ás oito da tarde de hoxe na Galería Sargadelos para presentar o seu último poemario, “Currículum oculto”, que vén acompañado dun cedé. O escritor non estará só, xa que na primeira parte do acto contará coa presenza do profesor Xosé Luís Mosquera Camba, antigo docente no Instituto de Mugardos. Na segunda parte a cousa varía, cun concerto no que participan os músicos de Ferrolterra, habituais dos espectáculos de Regueiro: Cabe García, Óscar Painceiras e Víctor Sánchez que ofrecerán un concerto acústico cos temas de “Currículum Oculto” guiados pola voz de Luís Cuntín. Canda a actuación proxectaranse vídeos e fotos do proxecto artístico que está a desenvolver este grupo de artistas liderados por Regueiro.

 

metáfora e orgullo

O libro-CD “Curriculum oculto”, cunha gran carga política, é parte do proxecto global “Galicia Cajún” que desde hai varios anos desenvolve este exprofesor de Filosofía do Instituto de Cariño. O propio Regueiro explica o concepto: “Cajún é unha metáfora, un símbolo dunha cultura resistente e perseguida que aguantou. Na Luisiana fixérono a base de música, gastronomía e ter un montón de fillos. En Galicia podería suceder o mesmo, pero falla un pouco o orgullo do propio, vese no idioma. Como na cultura cajún, eu non penso cambiar as miñas raíces de aldea na cidade, non penso renunciar á miña cultura, á miña historia e á miña lingua, que é o que me nutre. Así fixeron en Luisiana, meténdoo todo na súa pota e sacando algo ben rico e creativo”.

Na presentación desta tarde, Arturo Regueiro lerá un texto sobre Ferrol, no que fala sobre a súa relación coa cidade. “Para min Ferrol exemplifica perfectamente a idea da cultura cajún, esa cousa entre o militar, o ‘pijo’ e o rural, onde o galego se cola no castelán e dá o ferrolán, como ten estudado o profesor Guillermo Ferrández. Esta é unha cidade que se cae en anacos, pero segue. Leva anos caéndose pero érguese e mantense. Fanlle mil trapalladas pero aguanta, aí segue. Ademais gústame porque é como Nova Orleans, cun casco urbano trazado a tiraliñas, e ata o seu Concello está nunha praza que lle chaman Armas! Ten outro valor que nin os de aquí ás veces se decatan: musicalmente é a zona máis alucinante de Galicia. Como sucede en Nova Orleans, aquí podes escoitar todo tipo de estilos musicais e os seus intérpretes son boísimos”, sostén.

 

Arturo Regueiro: “Ferrol é a cidade máis ‘cajún’ de Galicia, cáese e sempre se ergue”