A “Cristóbal Colón” releva á “Álvaro de Bazán” no mando do grupo SNMG-2 da OTAN

A “Cristóbal Colón” releva á “Álvaro de Bazán” no mando do grupo SNMG-2 da OTAN
Imaxes do relevo no mando que se produciu no porto grego de Souda | SNMG-2

Produciuse o relevo no mando do grupo permanente da OTAN SNMG-2. A fragata “Cristóbal Colón”, que hai uns días deixaba o Arsenal, reuniuse xa coa flota aliada e pasou a converterse no buque insignia, posto que ata o de agora tiña a “Álvaro de Bazán”. Esta última embarcación liderou a formación desde o pasado mes de xuño e agora emprende a súa viaxe a casa.

A “Cristóbal Colón” saiu o pasado 4 de novembro de Ferrol en dirección ao porto grego de Souda, onde se produciu o embarque do Estado Maior da agrupación permanente, actualmente ao mando do contralmirante español Manuel Aguirre.

A F-105 actuará como buque de mando durante todo o seu despregue, no que realizará exercicios, operacións e presenza naval por todo o Mediterráneo, ata o vindeiro mes de abril.

Esta fragata, como as demais da súa clase, aporta unha elevada capacidade de defensa e detección aérea, grazas ao seu sistema AEGIS e ao radar multifunción SPY-1D(V).

 

Mando español

A SNMG-2 é unha agrupación permanente da OTAN cuxa función é a de dotar á Alianza dunha capacidade de reacción operativa inmediata en escenarios navais. Desde xuño deste ano e ata o 1 de xullo de 2021, está comandada por España e, en concreto, polo contralmirante Aguirre.

A “Cristóbal Colón” está comandada polo capitán de fragata Juan Bautista Payá Martínez e ten unha dotación de 220 persoas, incluíndo homes e mulleres, entre os que se encontran un Equipo Operativo de Seguridade (Infantería de Marina) e un helicóptero SH-60B.

A principios deste ano, o buque participou nas maniobras MAR-31, en augas galegas, e tamén no Dynamic Manta 20, un adestramento internacional organizado pola OTAN na costa de Sicilia. En xullo realizou en Rota a súa cualificación operativa, para integrarse en setembro na activación do “Eagle-Eye”, do Mando Operativo Aeroespacial.

Con motivo do relevo,  o SNMG elaborou un vídeo que se pode ver nas súas redes sociais.

A “Cristóbal Colón” releva á “Álvaro de Bazán” no mando do grupo SNMG-2 da OTAN

Te puede interesar