Escola Internacional de Doutoramento na UDC

Escola Internacional de Doutoramento na UDC
ramón doallo e ricardo cao presentaron onte a escola

A Universidade da Coruña dispón xa da súa propia Escola Internacional de Doutoramento. O vicerreitor de Investigación e Transferencia, Ricardo Cao, presentou onte o novo servizo, no que se integran todos os programas que a institución académica oferta neste nivel de estudos.

Tamén estivo na presentación da mesma o que será o seu director, o catedrático da área de Arquitectura e Tecnoloxía de Computadoras Ramón Doallo Biempica. A escola nace coa vocación de internacionalizar os estudos de doutoramento da UDC, para o que “se potenciarán as estadías dos investigadores no estranxeiro e a lectura de teses lidas na modalidade de mención internacional”, explicou ou vicerreitor.

Actualmente, a institución académica herculina oferta 42 programas de Doutoramento, 14 deles interuniversitarios e 11 con mención cara a excelencia. No vindeiro curso agárdase chegar aos 21 programas, dun total de 33 propostas. O número de doutorandos matriculados durante o curso 2010/2011 foi de 1.145, incrementándose esta cifra un 18% o pasado curso académico, no que se chegou a 1.196.

 

teses

O número de teses de doutoramento defendidas na UDC desde o ano 1990 ascende a 1.294, segundo se informou onte, o que supón o 9,6 por mil de todas as defendidas en España nese período. A evolución anual destas foi medrando, partindo das catro de hai máis de dúas décadas ás 115 do curso pasado.

O director da nova Escola, Ramón Doallo, explicou que un dos aspectos nos que se quere facer énfase coa creación deste centro internacional é facer unha oferta fundamentada na demanda social e orientada á internacionalización. Por iso, a mesma incorporará un Comité Asesor Internacional e implicará, así mesmo, a outras entidades do tecido social e industrial de Galicia que poidan intervir na promoción de graduados universitarios.

A creación desta nova escola non suporá incremento de gasto para a institución académica, xa que non contará con edificio propio, senón que se integrará nas dependencias actuais da Sección de Estudos Oficiais de Posgrao, no pavillón de Estudantes de Elviña.

Os equipos e laboratorios de investigación dos que disporá a Escola serán asignados polos grupos de investigación, departamentos, centros universitarios e entidades colaboradoras, todos eles implicados nos programas de doutoramento adscritos á escola.

No ámbito universitario español hai na actualidade 18 escolas de doutoramento e están en proceso de creación seis máis, entre as que figura a da Universidade da Coruña.

Escola Internacional de Doutoramento na UDC

Te puede interesar