As artes escénicas tomarán diferentes espazos da cidade co festival “Fóra do mapa”

Iolanda Muíños e Cristina Moreira
|

O Festival de artes escénicas “Fóra do mapa” chega por segundo ano consecutivo a Ferrol. Faino ademais cun programa que incrementa non só a cantidade de propostas senón tamén a súa calidade. Todas elas desenvolveranse do 5 ao 11 de xuño en diferentes espazos da cidade naval, algúns deles “descoñecidos ou inexplorados coa fin de darlles un bo motivo para erguer a cabeza e admirar o noso patrimonio arquitectónico”, tal e como sinalan desde a propia organización.

Un dos pratos fortes da edición, segundo apunta a directora do festival Cristina Moreira, será a presenza de Señor Serrano, compañía liderada por Álex Serrano que crea espectáculos orixinais baseados en historias emerxidas do mundo contemporáneo. Chegarán a Ferrol con “Brickman Brando Bubble Boom”, biopic escénico sobre a vida de Sir John Brickman, o maior construtor da Inglaterra do século XIX. Este será o único espectáculo polo que haberá que pagar entrada (cinco euros) –todas as demais serán gratuítas–.

 

Obradoiros
Tamén se contará coa participación do recoñecido director, formador e autor Adolfo Simón, que impartirá un dos obradoiros incluídos no programa, titulado “Dramaturxia do espazo actoral”. Os interesados en inscribirse poden facelo durante esta semana. O horario do mesmo será de luns a xoves das 16.00 a 21.00 horas. O xoves día 8 farase unha obra aberta ao público no edificio do que foi a ferretería Santos.

O segundo dos obradoiros será un infantil de creación artística impartido por Katrina Biurrún. A actividade, prevista para o sábado 10, convida aos nenos a traer todos os residuos rotos dos seus xoguetes para tentar crear con eles pezas únicas, divertidas e reutilizables. A participación é gratuíta e o prazo de inscrición estará aberto ata o día do obradoiro.

“Fóra do mapa” incluirá ademais unha exposición da artista multidisciplinar Lúa Gándara no centro cultural Torrente Ballester, que ademais ofrecerá visitas guiadas pola mesma todos os días.

O espectáculo musical “Pan!Pan” da compañía A Panadaría, diferentes pezas de microteatro así como un roteiro polas rúas de Ferrol da man de Ibuprofeno Teatro, que contará ademais coa participación da actriz naronesa Iolanda Muíños, serán outras das propostas dun festival que terá múltiples escenarios (Jofre, La Espuma, Parador de Turismo, rúas da cidade...) e que terá o seu cuartel base no Torrente Ballester. A iniciativa, cuxa primeira edición acadou unha importante repercusión non só en Galicia senón fóra da comunidade, ten entre os seus obxectivos ser un punto de unión dos profesionais da escena e poñer Ferrol no mapa escénico e de festivais de Galicia.

 

As artes escénicas tomarán diferentes espazos da cidade co festival “Fóra do mapa”