“O centralismo é unha das principais ameazas que temos para o noso desenvolvemento futuro”

Xavier Vence
|

Co gallo de comezar a precisar a alternativa “realista e críbel” do BNG para o sector naval na ría de Ferrol, Xavier Vence acudiu o venres a Fene para participar na creación dos grupos de traballo abertos a técnicos, xuristas, operarios e forzas sindicais e empresariais para avanzar nesa proposta de autonomización dos estaleiros locais.

Como se artellará?
Formulamos unha serie de chanzos cuxa importancia debemos transmitir á cidadanía. O primeiro, enfrontar o plan de reestruturación que vai presentar Navantia e que pode ter consecuencias moi negativas para o sector naval público, pois plantexa unha reconfiguración da compañía e unha forte redución de plantillas, eliminando dun xeito definitivo as posibilidades de construción naval en Fene. Queremos pór en marcha alternativas que poidan ter algo de novidoso a respecto do que vimos barallando nos últimos anos. Seguimos reivindicando o levantamento do veto e carga de traballo específica para a crise –dique flotante–, pero formulamos algo máis ambicioso: a autonomización dos centros de produción da ría, incorporando as direccións operativa, técnica e comercial para podermos aproveitar a capacidade competitiva e a boa imaxe que estes estaleiros teñen nos mercados mundiais. É un plan de segregación para conformar unha auténtica empresa con todas as súas funcións. Xuridicamente, queremos fundamentar a aplicación da Lei do Sector Naval aprobada polo Parlamento. Aí hai medidas que cómpre desenvolver, como facer efectiva a participación da Xunta no consello de administración de Navantia para que Galiza teña voz e poder de decisión.

Como está xestionando o PP o naval, en concreto os floteis?
En primeiro lugar, agardo que o sector naval galego sexa quen de gañar eses concursos pola competencia técnica e a capacidade profesional que ten. Dito isto, creo que o PP fixo unha xestión neglixente e nalgúns casos irresponsábel porque, no ánimo de rendibilizar politicamente a eventualidade de conseguir eses contratos, nalgún momento case os puxo en perigo ao anuncialos cando o único que había era a posibilidade de entrar nun concurso. O PP non conseguiu carga de traballo e onde podía máis claramente tomar decisións –desde o Goberno central– non o fixo, malia as súas reiteradas promesas en varias campañas electorais.

Coa taxa de paro máis alta de Galicia e a de actividade máis baixa, cal é a alternativa do BNG para Ferrol?
Primeiro, diversificación da actividade a partir do sector naval. A capacidade técnica e as infraestruturas dos estaleiros permiten ir cara á fabricación doutro tipo de equipamentos complementarios do naval. Algo se fixo no seu momento co sector eólico, pero hai outros eidos da produción metalmecánica nos que hai mercado, como a enerxía undimotriz. É unha irresponsabilidade da Xunta e do Goberno central dar un parón repentino ao sector das renovábeis, que empezara a desenvolverse en particular nesta comarca e ao que se lle cortou a expansión. Doutra banda, temos que aproveitar os recursos propios e, aí, un saneamento integral da ría permitiría xerar un bo número de empregos no sector marisqueiro. Ferrol está quedando absolutamente illado pola vía do ferrocarril, non hai plans de renovación da infraestrutura, estanse reducindo servizos e, polo tanto, empeorando a calidade de vida da poboación e debilitándose a posición competitiva de Ferrol. Por último, cómpre un aproveitamento máis ambicioso e intelixente do porto exterior para converter Ferrol nun centro loxístico de alcance. O feito de que esta infraestrutura tan importante e custosa estea infrautilizada é unha aposta miope que dificulta  o desenvolvemento das súas potencialidades. Estas son liñas de actuación para invertir a tendencia depresiva da comarca.

O BNG está incidindo no concepto de soberanía. A mensaxe está chegando á xente?
Cando falamos do naval, a xente entende dun xeito case intuitivo a importancia de ter capacidade para decidir e ter instrumentos para romper os vínculos de dependencia cos centros de decisión ubicados fóra. Entre Madrid e Bruxelas decidiron o veto a Astano e, polo tanto, incapacitar e cercenar a nosa capacidade produtiva nos últimos 30 anos. Este é un exemplo de que a falta de soberanía e a dependencia das decisións alleas teñen consecuencias letais para o emprego e a creación de riqueza en Galiza. O que pasa en Navantia ten a ver coas consecuencias da centralización das decisións en Madrid, cuns equipos técnicos que se reclutan nun entorno desconectado da actividade e onde as prioridades políticas veñen ditadas por outro tipo de razóns, como dar carga de traballo a outros centros. Navantia é o exemplo perfecto que a calquera ferrolán lle debe permitir ver a importancia de ter capacidade de decidir e poder controlar as decisións estratéxicas para os nosos sectores produtivos. Igual ocorre no sector financeiro, o expolio e venda de NCG Banco: todo o mundo entende que é moi difícil o de-senvolver a economía produtiva sen entidades finaceiras radicadas no país e comprometidas en proximidade co tecido empresarial e as familias. O desmantelamento do sector financeiro estase adoptando lonxe do país, en Madrid, e semella que os galegos non temos nin voz nin voto sobre o destino de NCG Banco. Estes dous son exemplos clarísimos de por que a soberanía é crucial para podermos tomar decisións que afectan á nosa economía e á creación de emprego e, polo tanto, ao noso desenvolvemento. Temos que facerlle chegar á cidadanía as consecuencias de non ter instrumentos de decisión e as vantaxes de térmolos. Na medida en que o imos explicando, o discurso enténdese á perfección, malia a campaña sistemática de distorsión que realiza o PP e os seus altavoces. Hoxe, o centralismo é, xunto co poder das finanzas, unha das principais ameazas que temos no país para o noso desenvolvemento e futuro. 

“O centralismo é unha das principais ameazas que temos para o noso desenvolvemento futuro”