As andainas da EOI ferrolá abriron o telón cunha saída a San Sadurniño

Diario de Ferrol-2013-10-20-004-d08150b7
|

Unhas 40 persoas de Escola Oficial de Idiomas de Ferrol –entre profesores, alumnos, persoal non docente e mesmo familiares– tomaron parte onte na primeira das andainas que ao longo deste curso darán forma á terceira edición do programa enmarcado no proxecto de dinamización lingüística do centro.
Esta primeira saída tivo como destino o municipio de San Sadurniño, ata onde os participantes desprazáronse en tren. A “Horta de conservación de froitas autóctonas” constituíu a primeira parada.
Alí, e grazas á colaboración da Asociación Galega de Froitas Autóctonas (AGFA) do Eume , realizaron unha vista guiada polo recinto, onde tamén recibiron, de mans dos técnicos da devandita entidade, unha charla e unha degustación dalgunhas das variedades froiteiras propias das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal –poden atoparse uns 160 pés de distintas variedades de cerdeiras, ameixeiras, pexegueiros, pereiras e, sobre todo, maciñeiras–. Tamén repasaron as técnicas máis habituais de enxertado e os coidados agronómicos que requiren as árbores para dar unha boa produción.
A continuación realizouse unha ruta polo río Aceiteiro, un afluente do Xuvia incorporado á Rede Natura 2000 desde o ano 2001 e que xunto ao río Castro configura o Lugar de Interese Comunitario (LIC) Xuvia-Castro.

obxectivos
Ademais de contribuír á concienciación sobre a importancia do coidado e o respecto medioambiental, o proxecto das andainas  convértese nunha actividade de inmersión lingüística en galego na que os participantes adquiren o compromiso de empregar esta lingua durante toda a xornada. Tamén fomenta o uso das novas tecnoloxías en toda a comunidade educativa.
De feito, en cada unha das andainas grávase un vídeo e fanse fotografías que despois se poden ver no blogue do Equipo de Dinamización Lingüística da EOI, coordinado un ano máis pola profesora Encarnación Oubiña.
O alumnado que contribúe á creación de todo este material pode ademais optar, a través dun sorteo, a asistir ás viaxes que a escola fai no marco do proxecto europeo no que está inmerso.
Tamén onte, tal e como se informou desde o Concello de San Sadurniño, a horta foi visitada por un grupo de alumnos do campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela. n

As andainas da EOI ferrolá abriron o telón cunha saída a San Sadurniño