A CIG denuncia a eliminación de catro unidades de Primaria na comarca

A CIG-Ensino denunciou onte os recortes que, “un ano máis, e xa van cinco”, se veñen aplicando nos centros sostidos con fondos públicos da comarca. “Confírmase”, asegurou a secretaria comarcal da federación, Tona Martínez, “a política de destrución do ensino público que está levando a cabo o Partido Popular”.
Martínez cargou contra o reparto dos orzamentos da Consellería de Educación dicindo que “malia o incremento do alumnado no ensino público e a diminución no privado-concertado, a inversión cae no primeiro e aumenta no segundo”, incluso, recordó, “aos centros que por sentenza xudicial non poderían ter concerto, isto é, os que segregan por sexo”.
Ademais do financiamento, a CIG sinalou que medra o número de alumnos con necesidades educativas especiais ou con algún tipo de dificultade que precisaría dunha maior atención –escolares de etnias, inmigrantes, de familias en risco de exclusión social, etc.–; que hai máis xubilacións de profesores e que, por contra, non se convocan oposicións para cubrir esas prazas. Ademais, engadiu Martínez. cada vez se contratan menos interinos e substitutos. Ante este panorama, a conclusión, sostén a CIG, está clara: o empeoramento da calidade do ensino público.
No caso concreto da comarca, o sindicato nacionalista subliña a desaparición de catro unidades de Primaria –nos colexios da Capela, Manuel Fraga de Cariño, Os Casais de Fene e o Juan de Lángara de Ferrol– e oito postos de traballo.  
Non son os únicos empregos que desaparecen. No José María Lage de Ortigueira, e no Colexio Rural Agrupado de Valdoviño, sinalou Tona Martínez, perden un profesor de apoio de Infantil. A CIG lembrou que o catálogo de recursos en vigor establece que por cada tres unidades de este nivel correspóndelles un docente máis –catro, polo tanto– que adoita botar unha man no primeiro curso. “Pois ben”, dixo Martínez, “agora estano eliminando”.
Aínda que cuantitativamente non é significativo, o sindicato criticou tamén a redución de profesorado das especialidades de Pedagoxía Terapéutica –PT– e Audición e Linguaxe –AL–. “Como moito, segundo a normativa, son dous en cada centro, pero a súa eliminación supón unha perda importante para os centros, que agora se ven obrigados a compatilo ou, directamente, perdelo”.
A “irracionalidade”, mesmo económica, das afinidades de prazas e itinerancias foi outro dos aspectos que denunciou a CIG. “Algunhas son case imposibles”, concretou a secretaria comercal, “por exemplo, un profesor que ten que ir a Valdoviño, a Pontedeume e a Miño. Entre as horas que perde, o gasto de quilometraxe, a redución horaria, etc, ao final á Administración sairíalle máis rendible contratar un mestre para cada centro, pero non o fan non polos cartos, senón porque queren seguir destruíndo o ensino público”. n

A CIG denuncia a eliminación de catro unidades de Primaria na comarca

Te puede interesar