O ciclo “Na Raíz” incorpora a música portuguesa coa presenza de Miguel Araújo e Deolinda

O ciclo “Na Raíz” incorpora a música portuguesa coa presenza de Miguel Araújo e Deolinda
Diario de Ferrol-9999-99-99-999-367dacc3

A Concellería de Cultura de Ferrol, dirixida por Suso Basterrechea, dará continuidade no último cuadrimestre do ano ao ciclo “Na Raíz”, un programa iniciado  o pasado outono para achegar á cidadanía propostas artísticas que innovan e sorprenden desde o coñecemento da tradición popular.
Logo do satisfactorio balance da primeira edición, con grupos galegos e tamén procedentes doutras comunidades, o cartel contempla catro novos concertos a desenvolver entre setembro e decembro –todos serán no Teatro Jofre, ás 21.00 horas–. 
Desta volta incorpóranse artistas portugueses, como é o caso de Miguel Araújo, que será o encargado de abrir o ciclo o venres 23 de setembro. Considerado como a grande revelación da música portuguesa, vén de acadar, xunto a Antonio Zambujo, un fito histórico na música en directo no país luso, enchendo en 17 sesións consecutivas os Coliseus de Lisboa e Porto, con capacidade para 3.000 persoas cada un. O de Ferrol será o primeiro e único concerto que este artista de moda en Portugal ofreza en Galicia.

germán díaz
O ciclo continuará o venres 28 de outubro da man de Germán Díaz, que achegará á cidade naval o seu novo espectáculo baseado nos ritmos dos latidos do corazón que o doutor Iriarte grabou nos anos corenta e editou en placas de lousa co nome de Método Cardiofónico.
Tomando como base estes latidos, o recoñecido zanfonista, considerado un dos mellores do mundo, crea un universo sonoro único cos instrumentos mecánicos que emprega e que len os cartóns perforados nos que Díaz escribre as melodías. 
O venres 11 de novembro subirá ás táboas do Jofre os portugueses Deolinda, reintérpretes da música popular lusa e un referente non só desde o punto de vista musical senón tamén na loita pola dignidade dos traballadores. O seu xa himno “Parva que sou” emocionaba en 2011 a un teatro Jofre con todo o público en pé, tal e como onte lembrou o concelleiro de Cultura de Ferrol.
Esta segunda edición do ciclo pecharase o venres 16 de decembro co concerto de Vaamonde, Lamas & Romero, aos que se sumará a Banda Municipal de Ferrol. Suso Vaamonde (gaita, voz e pandeireta), Pedro Lamas (saxo) e Xosé Lois Romero (acordeón e voz) son tres das figuras máis importantes da música tradicional galega.

entradas
O prezo das entradas para cada un dos concertos é de 10 euros. Poderán ser adquiridas a partir do vindeiro 25 de agosto a través de Ataquilla.com e na billeteira do Teatro Jofre. 
Basterrechea presentou onte o programa acompañado por Aitana Cuétara, de Luneda Producións, encargada do deseño e desenvolvemento deste ciclo musical.
Os dous salientaron a gran calidade e nivel dos artistas participantes e agardaron unha boa acollida por parte do público. “Un ciclo como este axuda, entre outras couas, a xerar unha maior cultura musical”, apuntou o concelleiro.
O deseño gráfico do cartel do ciclo foi creado pola ferrolá Elga Fernández, autora tamén da obra que ilustra as Festas de Ferrol do vindeiro agosto.

O ciclo “Na Raíz” incorpora a música portuguesa coa presenza de Miguel Araújo e Deolinda

Te puede interesar