A desmoralización social, tema do 18º Curso de Pensamento Carlos Gurméndez

A desmoralización social, tema do 18º Curso de Pensamento Carlos Gurméndez
Curso Carlos Gurméndez conferencia de Siro López

Baixo o título de “Filosofía do desencanto. A desmoralización social” o Clube de Prensa de Ferrol e a Universidade da Coruña organizan a 18ª edición do Curso de Pensamento Carlos Gurméndez, o primeiro sen o concurso do seu motor e secretario, Luís Mera. A cita, dirixida polo catedrático de Filosofía Juan Carlos Couceiro-Bueno, desenvolverase no Campus de Esteiro do 8 ao 10 de xullo e xa está aberta a inscrición, de carácter gratuíto.
Esta aposta pola análise da realidade social ao abeiro da crise contará coa presenza de destacados especialistas na investigación social. Así, o día 8 de apertura da cita, falarase da  “Crise do sentido moral nas sociedades contemporáneas”. A conferencia inaugural ás 12.30 será “O filósofo na praza pública”, a cargo de Manuel Cruz Rodríguez, catedrático de Filosofía Contemporánea da Universidade de Barcelona. A partir das 16.30 estarán o catedrático de Estrutura Económica da Universidade da Coruña, Julio Sequeiros Tizón, con “Institucións e corrupción”. Seguirá José Luis Veira Veira, catedrático de Socioloxía da Universidade da Coruña, con “Valores cívicos, democracia e desconfianza institucional”, para rematar a xornada con “Unha reflexión en torno á bioética”, polo médico Javier Martínez Pérez-Mendaña.

o desencanto político
O xoves 9 de xullo tratarase o tema “A expresión do desencanto na cultura e a política”. Na xornada de mañá falarase do tema  “Desacougo e creación literaria en Miguel de Cervantes”, a cargo de Siro López Lorenzo, debuxante e presidente do Club de Prensa de Ferrol. Posteriormente José Luis Mora García, profesor de Pensamento filosófico español da Universidade Autónoma de Madrid falará de “A filosofía: o paso do franquismo á democracia”. Xa pola tarde será a quenda da exdeputada Nona Inés Vilariño que falará de “Intrahistoria dalgúns momentos cruciais da Transición”. Continuando coa conferencia “Que podemos esperar? Perspectiva dos Imaxinarios Sociais sobre as variacións do Status Quaestiones”, a cargo de Juan-Luis Pintos de Cea-Naharro, profesor emérito de Socioloxía da Universidade de Santiago de Compostela.
A xornada final, a do venres 10, tratará sobre o asunto “Ideas para a configuración e articulación do estado social”. Abrirá pola mañá a profesora da Universidade de Barcelona Alicia Garcúa Ruíz con “Deriva seguritaria e viraxe antidemocrática”, seguindo co sociólogo Fermín Bouza Álvarez quen tratará o tema de “A desafección política”. Pola tarde, a  partir das 17.00 horas, o curso enfilará o seu remate  con “Da frustración do 78 á indignación do 2011. Similitudes e diferenzas”, por parte de Antonio García Santesmases, catedrático de Filosofía Política da UNED e “Repensar o republicanismo democrático radical, Antoni Domènech Figueres, catedrático de Filosofía Política.

A desmoralización social, tema do 18º Curso de Pensamento Carlos Gurméndez

Te puede interesar