Paradas exprés, citas previas e encontros telemáticos nas cabalgatas do Covid

Paradas exprés, citas previas e encontros telemáticos nas cabalgatas do Covid
O alcalde, Ángel Mato, onte facendo as súas peticións aos Reis Magos | jorge meis

Os Reis Magos chegan a Ferrolterra con cita previa para evitar aglomeracións, cabalgatas exprés e alocucións vía telemática. En Ferrol, están a disposición dos que o solicitaron, de cinco a nove da tarde, pero ademáis dirixiranse a toda a rapazada hoxe, a partir das sete da tarde, a través dunha ligazón que estará dispoñible na dirección web https://reismagosferrol.org.

Ademais, onte, nos seus tronos instalados na carpa de Armas, Melchor, Gaspar e Baltasar escoitaron as peticións do alcalde da cidade, Ángel Mato, e de varios concelleiros. Tamén os edís axudaron aos paxes a retirar as cartas que os nenos e nenas foron deixando no buzón real ao longo dos últimos días. Pola tarde recibiron a doazón de xoguetes feita pola empresa Rilo, que entre o 14 e o 30 de decembro recolleu obxectos e libros para despois poder repartilos ás familias que o necesiten. En total, foron medio milleiro de xoguetes e de contos os que conseguiron reunir e que a agrupación de voluntarios de Protección Civil repartirá ás asociacións Adra, Movilidad Humana e Dignidad.
Os Reis estarán hoxe no Pazo da Cultura de Narón, ao que se podía acudir retirando antes a invitación. O seu horario é de 11.00 a 14.00 e de 16.30 a 21.00 horas. Tamén en Narón, Odeón repartirá hoxe roscóns de Reis entre as persoas que fagan compras superiores a dez euros. E o día 6, os Reis visitarán a casa do neno que resulte gañador dun sorteo.

En Fene, os Reis reciben por quendas, a partir das 17.30 horas, previa solicitude. Os tres reis teñen distintos horarios e cada un deles recibirá a un máximo de 15 unidades familiares.

Nas Pontes, os Reis son por videoconferencia a través de Whatsapp, con prazas limitadas e para os que xa estean inscritos.
En Pontedeume, unha cabalgata pasará polos locais sociais das parroquias e pola vila. Non haberá paradas, nin recepción nin reparto de caramelos. A comitiva parte ás catro da tarde.

Pola cabalgata optan tamén en Neda, en percorrido demorado pola mañá e pola tarde, para chegar a tódolos recantos. Tamén se programou un encontro en liña.

En Cedeira, os Reis estarán no auditorio municipal desde as catro e atenderán previa cita. E Cariño optou tamén por unha recepción durante varias horas, mañá e tarde, para recibir a uns 150 nenos en total.

Paradas exprés, citas previas e encontros telemáticos nas cabalgatas do Covid

Te puede interesar