Ferrol reivindica a figura de Ricardo Carvalho Calero no seu 24 cabodano

Ferrol reivindica a figura de Ricardo Carvalho Calero no seu 24 cabodano
Homenaxe a Carvalho Calero

Diante dunha derrubada casa natal na rúa de San Francisco, en Ferrol Vello, conmemorouse onte o 24  cabodano do pasamento do profesor e escritor ferrolán Ricardo Carvalho Calero (1910-1990). Algo que diversas entidades políticas e culturais levan facendo nos últimos anos, pero que na xornada de onte adquiriu un significado especial, non só polo elevado número de asistentes ao acto, senón grazas ao traballo que está a desenvolver a comisión promotora da candidatura para o Día das Letras 2015. Nun sinxelo acto, con música do Real Coro Toxos e Froles, levouse a cabo a lectura dun manifesto a cargo da alumna do IES Carballo Calero Rita Tojeiro Ces. 
No texto, ademais de loubar a relación entre Carvalho e a súa cidade natal (desde a homenaxe de Medulio en 1981, a seren nomeado fillo predilecto da súa cidade, teren unha rúa, un centro de ensino, outro cultural, así como o labor de recuperación da Fundación Artabria), falouse dun “interesado esquecemento por manter a súa dignidade persoal e por entender que o noso idioma forma parte do sistema lingüístico do galego-portugués, opción, diferente pois, á oficial”.
Ademais, lembrouse que xa ían tres intentos para que a Real Academia Galega centrase no ferrolán a adicatoria do Día das Letras, “unha das ausencias máis clamorosas no eido das conmemoracións e homenaxes ás grandes figuras da cultura do país. Sen desmerecer a ninguén, entendemos que é tempo de que os grandes méritos do profesor Carvalho Calero sexan recoñecidos por unha academia na que ingresara o 17 de maio de 1958”. 
No texto tamén se recordaban algúns dos méritos de Carvalho Calero, entre eles que fora “o primeiro profesor de galego da Universidade e pai lingüístico de varias xeracións”

á percura de apoios
O acto contou coa adhesión directa de numerosas entidades de Ferrol e fóra, desde o Toxos e Froles, ao consello local e grupo municipal de Esquerda Unida ou o claustro e consello escolar do IES Concepción Arenal, que remitiron aos medios textos alusivos ao acto.
Desde o último mes, o traballo da comisión promotora da candidatura para o Día das Letras 2015 para Carvalho Calero está a recoller numerosos apoios tanto en Ferrol como fóra da cidade. Ademais das adhesións individuais, partidos políticos, sindicatos, asociacións ecolóxicas e culturais sumáronse para lograr que o escritor e profesor sexa o primeiro ferrolán que logra que se lle adique o Día das Letras Galegas. Neste sentido o pleno de mañá do Concello de Ferrol levará a cabo a petición de solicitude para que a Real Academia Galega teña en conta a figura de Carvalho para tan alta distinción.
Polo menos tres académicos deben de propoñer a figura do escritor para a homenaxe, mentres outros tres deben respaldala. Neste sentido, a comisión promotora anunciou que a mediados de abril tratará de reunirse co presidente da RAG, Xesús Alonso Montero. n

Ferrol reivindica a figura de Ricardo Carvalho Calero no seu 24 cabodano

Te puede interesar