O Museo de Humor, recupera unha das súas actividades máis significativas de cando Xaquín Marín era o seu director, os premios “Curuxa”, cunha categoría de menores de 25 anos e outra a partir desa idade. Os participantes poderán presentar un só debuxo. Nas dúas categorías haberá unha temática libre con humor gráfico mudo, texto ilustrado ou viñeta.
Os traballos presentados serán orixinais, de creación propia e inéditos. Non se admiten fotocopias, copias dixitais ou gravados. Os debuxos teñen que estar feitos en cartolina, cunhas dimensións de 29,7x42 cms (A3).Teñen que estar redactados en lingua galega, aínda que se admiten traballos de humor mudo. O prazo de presentación vai desde a data de publicación das bases no BOP e ata as 14.00 horas do día 15 de setembro de 2015. A presentación da documentación efectuarase no Rexistro Xeneral do Concello de Fene sito na R/Concello, s/n, 15500 Fene, A Coruña (ou nos lugares relacionados no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e procedemento administrativo común).
dotación e xurado
En canto ao valor dos galardóns, na categoría “Curuxa” (maiores de 25 anos) o primeiro premio está dotado con 2.000 euros e diploma, e o segundo premio, con 1.500 euros e diploma. Na categoría “Curuxa Nova” (para menores de 25 anos) o primeiro premio está dotado con 1.000 euros e diploma, mentres que o segundo faino con 500 euros e diploma.
En canto ao xurado do premio, nomeado polo Concello de Fene, estará presidido polo alcalde de Fene. Formarán parte o concelleiro de Cultura e tres humoristas ou expertos en humor gráfico nomeados polo Concello de Fene cuxo labor será retribuído. Actuará como secretaria, con voz pero sen voto, a secretaria xeral do Concello de Fene ou traballador municipal en quen esta delegue.