Poemas de Díaz Castro e reivindicación de Carvalho na marcha de Queremos Galego

Poemas de Díaz Castro e reivindicación de Carvalho na marcha de Queremos Galego
acto letras galegas ferrol queremos galego

A marcha de Queremos Galego en Ferrol polo Día das Letras tivo un carácter reivindicativo e de defensa do idioma e lembrouse tamén de Carvalho Calero, para quen con insistencia se pide un recoñecemento como o que o poeta Xosé María Díaz Castro ten durante este 2014. Centos de persoas partiron da praza de Armas para facer un percorrido festivo e musical pola rúa Dolores ata Amboage e regresar despois por Real cara ó Concello. Alí falou Carlos Outeiro, da Mesa pola Normalización Lingüística, quen  denunciou a condea a quen defende o idioma mentres se dá espazo a “organizacións galegófobas” sen representatividade social. Referiuse ó presidente da Xunta como o “enterrador do galego” e reivindicou a implicación de administracións públicas, entidades culturais e medios de comunicación para combater prexuízos e deter “o proceso de substitución lingüística que padecemos”. Apuntou Outeiro que “terán o apoio da sociedade galega se erguen a cabeza dunha vez”. 
Falou antes de comezar unha marcha encabezada por un grupo de gaiteiros e que contaba con pancartas de Queremos Galego, da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra, a Fundación Artabria (reivindicando o seu posicionamento reintegracionista e a figura de Carvalho Calero), Ceivar (en apoio a doce mulleres que van ser xulgadas por sucesos acontecidos nunha manifestación en febreiro de 2009 en Compostela), a escola de ensino galego Semente e a plataforma cidadá que pide as Letras Galegas de 2015 para Carvalho. Durante o percorrido berrouse o lema “Na Galiza, en galego” e houbo incluso unha letra composta para o ocasión na que se reclamaba o uso do idioma con frases como “os pobos do mundo son diversos no falar, non deben renunciar á súa lingua orixinal”.
De volta en Armas houbo unha lectura poética de textos de Xosé María Díaz Castro a cargo da Sociedade Cultural Medulio e o profesor e escritor Antón Cortizas leu o manifesto que escribiu Marica Campo para estas marchas simultáneas nas cidades galegas. Tomando como base o verso do poema “Penélope” de Díaz Castro, troca “un paso adiante e outro atrás” por “un paso adiante e mais outro paso adiante, Galiza!”. “Non podemos tolerar que no noso país, hoxe, o español, coa axuda do inglés, se utilice como o sepultureiro do galego”, falou Marica Campo por boca de Cortizas. “O tempo actual non é propicio para a existencia de Galiza e do seu signo principal, a lingua galega, porque a globalización pretende arrasar con toda diferenza que ouse desafiar a hexemonía do imperial dominante”, leuse na praza de Armas. Fronte a iso, e fronte ás “ilegalidades que os poderes públicos perpetúan contra o galego” propónse un decálogo “contido na Carta Europea das Linguas non Estatais, aceptado como lexislación superior do Estado en 2001 e igualmente presente no Plano Xeral de Normalización Lingüística, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia” para asegurar o uso do galego nas aulas como lingua vehicular “escandalosamente prohibida pola Xunta para certas materias”, nos medios de comunicación e publicidade, nas administracións, na Xustiza, nas celebracións relixiosas, no ocio, no transporte, no comercio, nas artes e nas letras e tamén nos novos soportes comunicativos.

actividades de hoxe
Durante todo este domingo e ó longo da vindeira semana son varios os municipios e asociacións que continuarán a festexar o Día das Letras Galegas.
Na AVV O Cruceiro de Valón fan unha semblanza de Díaz Castro ás 19.30 horas no seu local social, seguida da entrega de agasallos ós nenos que participaron nos concursos de debuxo e de redacción e da actuación da coral polifónica da entidade.
Os veciños de Santa Icía, en Ferrol, teñen unha cita ás sete no local social, con presentación do acto por parte do seu presidente, José Lage, reseña do homenaxeado este ano por parte dos nenos, tributo ós maiores e actuacións das corais Alecrín de Brión e Alentía de Meirás.
A Sociedade Cultural Areosa, en Narón, continuará ás seis da tarde os actos (despois da maratón de lectura de onte) coa representación da obra “Zombis” a cargo do grupo teatral da entidade. Despois cantará a súa coral e regalaranse libros ós nenos que participaran nas actividades. Rematará cunha queimada.
A Asociación Cultural A Frouxeira organiza o Festival das Letras Galegas na Casa da Cultura de Valdoviño ás 18.30 horas.
E tamén en San Sadurniño hai actividade esta tarde, con epicentro no Pazo da Marquesa, que gaña relevancia na vida cultural do municipio. A partir das seis da tarde o grupo formado por Lucía Aldao e María Lado presentan o espectáculo poético “Con dez poemas por barba!”, un recital “ameno, dotado de ritmo e comunicación aberta co espetador, no que este adquire ademas un papel activo”, anuncian desde o Concello. Esta proposta “para emocionar a aqueles que odian a poesía” estará seguida polo concerto do cantante e compositor Xoán Curiel. Escoitarase parte do seu traballo “Magnético Zen”, mellor álbum en lingua galega na quinta edición dos premios que outorga a Unión Fonográfica Independiente. Chega a San Sadurniño despois dunha xira por Arxentina.
Logo dos concertos a asociación de ocio e tempo libre Artelladas entregará os premios do seu concurso literario, aberto a tódolos xéneros creativos, dirixido a nenos e tamén a maiores de idade e que este ano chegou á súa terceira edición. n

Poemas de Díaz Castro e reivindicación de Carvalho na marcha de Queremos Galego

Te puede interesar