A visita a Ferrol volve ser a máis solicitada polos centros que participan este curso no Proxecto Terra

A visita a Ferrol volve ser a máis solicitada polos centros que participan este curso no Proxecto Terra
Un momento da visita de alumnos do IES Antonio Fraguas de Santiago onte a Exponav

A visita a Ferrol convertiuse, un curso máis, na opción máis demandada entre os centros da comunidade galega que participan nunha nova edición do Proxecto Terra. A iniciativa, impulsada polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) coa colaboración da Xunta e outras entidades, ten por obxecto achegar aos escolares da comunidade galega aos espazos e patrimonio do territorio no que habitamos, contribuíndo á posta en valor do mesmo.


O programa inclúe visitas guiadas polas sete grandes cidades galegas dun día de duración así como intercambios territoriais de dous días por zonas como o Camiño de Santiago, Allariz ou Porto, entre outros, e nos que tamén se inclúe a estadía na cidade naval combinada coa visita ás Fragas do Eume.

Desde a pasada semana e ata finais do mes de maio sucederanse as 13 visitas programadas en Ferrol, seis delas dun día e sete de dous.


Alumnos e profesores de centros procedentes de Santiago, Vigo, Malpica, Moforte, Santiago, A Coruña, Pontevedra, A Estrada ou Arzúa, así como da propia cida ferrolá como é o caso do CPR Valle Inclán, terán oportunidade de descubrir o importante patrimonio arquitectónico, cultural e natural.

Colaboración do Concello
A colaboración do Concello de Ferrol para o paseo en barco pola ría e a visita ao Castelo de San Felipe é fundamental para o éxito da visita. Así o confirma o coordinador do programa, Xosé Manuel Rosales, que apunta ao Proxecto Terra como unha excelente ferramenta para dar a coñecer a cidade a moitos rapaces que, doutro xeito, non pasarían por ela. “A xente marcha moi sorprendida de Ferrol”, salienta.


A través das actividades do programa, preténdese que o alumnado viva en primeira persoa os espacios e territorios que son obxecto de estudo nas aulas, poñéndoos en contacto directo coas cinco formas básicas de organización territorial analizadas no proxecto: aldea, parroquia, vila, cidade e área metropolitana

Unha das visitas de referencia para os centros na cidade naval é o Museo da Construción Naval de Exponav, que onte tiveron ocasión de percorrer os estudantes do IES Antonio Fraguas de Santiago e comprobar así a evolución da construción naval e a súa importancia na configuración da cidade.
As próximas visitas no marco do Proxecto Terra serán as do IES de Arzúa mañá xoves; o Urbano Lugrís de Malpica o día 18; o CPR Valle Inclán de Ferrol o 19; o IES Alexandre Bóveda de Vigo o 24; o IES Frei Martín Sarmiento de Pontevedra o 26; e o IES As Mariñas de Betanzos o 3 de maio, tal e como se informou desde a propia Exponav.

A visita a Ferrol volve ser a máis solicitada polos centros que participan este curso no Proxecto Terra

Te puede interesar