“O importante é tomarmos consciencia do problema”

“O importante é tomarmos consciencia do problema”
Diario de Ferrol-2014-06-03-007-5c91ba1e

Estamos preparados para un mundo sen petróleo? Esa é a premisa da que partiu o colectivo Véspera de nada, do que fai parte a enxeñeira agrónoma Begoña de Bernardo, para elaborar a “Guía para o descenso enerxético” que mañá a partires das 20.00 horas se presenta no Ateneo Ferrolán.

Cal é o obxectivo da publicación?
Véspera de nada, a asociación por unha Galiza sen petróleo, constituíuse no ano 2008 e parte dun grupo de persoas que toman consciencia do problema do cénit do petróleo, o “pick oil”, isto é, a produción mundial deste combustíbel fósil. Puxémonos a investigar e foi entón cando nos decatamos de que pode devir nun problema bastante groso. Logo comezamos a divulgar no ámbito galego a través da web –vesperadenada.org– e de actos públicos e mesmo propostas nalgún programa político para as municipais de 2011 sobre os pasos a dar para xestionar unha cidade tendo en conta o dito “cénit”. Nese intre decidimos elaborar a guía, cunha primeira parte na que se explica o problema e unha segunda lanzando unha serie de propostas. O importante é que a xente tome consciencia.

Cando vai empezar a repercutir a caída do petróleo?
Non hai unha data, non vai haber un día a partir do cal as cousas cambien. Cando estás inmerso nun proceso histórico de cambios profundos como o actual non percibes ben o que está a ocorrer. Só a perspectiva histórica poderá dicirnos cando foi o punto de inflexión. Neste senso, o punto no que se extrae a maior cantidade de petróleo –o cénit– non se pode saber até que se sobrepasa. A Axencia Internacional da Enerxía recoñeceu que foi 2006. Para Véspera de nada, a crise que estamos a sufrir é unha manifestación dese devalar enerxético, desa escaseza de recursos, tamén de materias primas. Este sistema económico que precisa do crecemento exponencial ano a ano leva ao esgotamento dos recursos.

A busca de fontes alternativas poderá mitigar o impacto?
Estanse a buscar fontes alternativas, mais nós pensamos que hai que facer unha drástica redución do consumo enerxético. Non hai a día de hoxe enerxía capaz de substituír os combustíbeis fósiles porque estes teñen unha peculiaridade, e é que, sendo cada vez máis complicada a súa extracción –maiores profundidades, zonas máis inaccesíbeis– o seu rendemento, o seu retorno enerxético, é moi elevado. As renovábeis teñen taxas de retorno variábeis, mais a miúdo son pequenas. Outras precisan de materiais que tamén son limitados, como as placas fotovoltaicas. A respecto das petroleiras que están a investigar outros combustíbeis fósiles substitutos do petróleo, como o “fracking” ou o gas de esquisto, todos eles teñen unha taxa de retorno enerxético menor, precisan dunha cantidade moi elevada de recursos que hai que poñer en xogo para a súa extracción para obter un hidrocarburo que é de moita peor calidade que o que empregamos actualmente. Por iso hai compañías petrolíferas que xa están desinvertindo nestes proxectos porque non son todo o rendíbeis que pensaban.

Que pasos se poden ir dando no día a día?
Na guía hai propostas no eido persoal ou doméstico, pero tamén para pequenas empresas ou negocios familiares para que poidan adaptar os seus procesos produtivos a este escenario, así como para os gobernos locais. En todo caso, non hai regras xerais e cadaquén debe adaptalas á súa propia realidade. O máis importante é comprender o problema, porque deste xeito xa te pon en situación de pensar solucións para ti mesmo. Cómpre asumir que esta crise non se soluciona volvendo a taxas de crecemento tan altas, que hai que ir por outras vías e que o cambio vai ser profundo: a sociedade industrial tal e como a coñecimos nos últimos 20 anos probablemente non sexa viábel. n

“O importante é tomarmos consciencia do problema”

Te puede interesar