Reencontros

Desde que voltei vivir en terras coruñesas ando recuperando actividades vitais que ocuparon boa parte dos meus días durante unha chea de anos. E fágoo a sabendas, porque percibo esa sensación, de que a cidade e mais eu cambiamos, que o río e o bañista, aínda que seguen sendo os mesmos. E está ben así. Volto ser un máis nesas paisaxes urbanas que habitei décadas da miña xa non curta vida. Foron 11 anos morando fóra, mais con visitas tan constantes e diversas que me permitiron seguir sentindo o pulso da cidade. O que sempre me aconteceu con Ferrol. Pero non é o mesmo que respirar o día a día. 
Unha delas. A mediados do mes de outubro iniciouse a décima edición do ciclo “Poetas Di(n)versos”, relevante actividade cultural, enmarcada na programación do Concello coruñés, creada e coordenada pola poeta Yolanda Castaño. Cada mes, agás no tempo de verán, celébrase un recital no que un ou unha poeta galega e unha ou un poeta non galego len poemas nos seus idiomas, lidos tamén os foráneos en versión galega pola propia Yolanda Castaño. Nos dez anos de continuada existencia pasaron poetas dos cinco continentes: Arxelia, Australia, Canadá, Cataluña, Chad, Cuba, Exipto, Euskadi, Irán, Israel, Siria, Xapón...
Malia que sabía da súa existencia e tiña visto algúns vídeos das intervencións, ata o pasado 26 de novembro, en que fun ver e escoitar o cubano Víctor Rodríguez Núñez e a galega Xiana Arias, da Fonsagrada, nunca me achegara ao Centro Municipal Ágora. Nin tan sequera sabía onde estaba, pois non existía cando marchara da cidade.
Este luns pasado volvín. Alí estaban Bernardo Atxaga e Antón Reixa, probablemente menos coñecidos, ambos, como poetas que como narrador, o vasco, e como letrista e cantante d’Os Resentidos, o vigués. E, non obstante, os dous comezaron a súa andadura literaria escribindo e publicando maioritariamente poesía. E máis adiante, xa instalados noutras esferas culturais como as citadas, seguiron tripando con frecuencia os camiños poéticos.
Abofé que nesas dúas xornadas me sentín a vontade, gostei do que vin e escoitei. Coñecín mais un poeta cubano e unha poeta galega e puiden saudar e conversar con dous vellos coñecidos. E teño mentes de recuncar, naturalmente.

Reencontros

Te puede interesar