martes 24/11/20

O mundo ao revés

Estaba almorzando tan ricamente, ao tempo que lía o noso Diario -como adoito facer todas as mañás despois de me duchar e me vestir-, cando a miña ollada ficou estantía ao bater con semellante titular: “Educación da 7,2 millones en ayudas a centros privados y concertados por la pandemia”. Faltoulle un nada para me esganar coa galleta mollada no café que acababa de meter na boca. Como é posible?, pensei, unha vez recuperado do susto. Non andan a dicir que a nova lei de educación, que se vai votar no Congreso esta mesma mañá, discrimina ese tipo de centros?  Metinme no texto da noticia e axiña percibín que o de Educación non se refería ao ministerio senón á consellería e as cousas xa empezaron a cadrar. E eu a indignarme. Porque ver como a Xunta do PP destina, a maiores, esas elevadas cifras de euros -ata 400 mil- a centros que non son de titularidade pública, maioritariamente católicos e, en xeral, cun alumnado de non escasos recursos económicos non pode menos que alterar o sangue. Iso si é discriminación. Máxime cando o Goberno galego mostrou unha postura moi coreña nos centros públicos nos comezos deste pandémico curso.

Comentarios