domingo 05.07.2020

Linguas

Hai trinta anos ben corridos, nos primeiros oitenta, en que me aconteceu un suceso lingüístico que me fixo reflexionar

Hai trinta anos ben corridos, nos primeiros oitenta, en que me aconteceu un suceso lingüístico que me fixo reflexionar ben máis do que moitas das cuestións que fora aprendendo ao longo dos estudos filolóxicos nos que me acaba de doutorar había pouco. Obviamente, aínda faltaba un tempiño para a chamada caída do muro. Viaxaba nun autobús de Varsovia para Budapest e, como adoita suceder nestas viaxes de certa duración, o auto fixo unha parada técnica nun bar de estrada ao pé dun grupiño de casas. Nunha aldea con estrada de primeira, vaia. Cando estaba, tranquilamente na barra, degustando unha xarriña de cervexa se me achegou un tipo de grandes dimensións, sobre 1.90 con cen quilos ou máis de humanidade, que portaba unha xarra maior que a miña e que me empezou a falar. Expresábase, naturalmente, en polaco e eu, naturalmente tamén, non tiña idea ningunha dese idioma. Se aínda fose rumano, do que, como lingua románica que é, algo vira nalgunha materia da carreira... Pero non. O polaco é lingua eslava e diso non cursara nada de nada. O grandullón repetía e repetía algo que, loxicamente, eu non entendía e a cada paso con maior enfado. Como se eu fose parvo ou como se o estivese facendo parvo a el. Preguntáballe e todo canto idioma sei articular calquera cousa, mais el nada sabía máis que polaco. Tampouco me era doado pedir axuda e xa me estaba vendo duramente agredido conseguín zafarme e até hoxe. Que apuro pasei! Como digo deille moitas voltas ao caso. Doullas sempre, desde logo, cando vexo a determinados xogadores británicos que veñen á capital do Estado, ao Real Madrid, falando inglés e marchan uns anos despois, cos petos cheos e sen que se lles tivese escoitado dicir en español nin a máis mínima estupidez. Pensemos en Beckam ou en Bale, que aínda anda por alí. Serán tontos? Terán algunha tara que lles impida aprender español? O faranse os parvos a sabendas de que xa haberá algún parvo de verdade que lles facilitará as cousas falándolles no seu inglés? As linguas, sabémolo todos, están para comunicarse. E todas, absolutamente todas as do mundo, que son unha tremenda porrada delas cumpren esa función comunicativa. Isto ven a conto de comentarios que lin e escoitei sobre a utilización do catalán durante os atentados. Porque, en que se esperaba que se fosen expresar? En swahili? Ou en polaco?, como o meu case agresor.

Comentarios