Cores

aló por mediados do século XIX, Ramón de Campoamor incluía estes coñecidos versos na titulada “Las dos linternas”: “Y es que en el mundo traidor/ nada hay verdad ni mentira;/ todo es según el color/ del cristal con que se mira”. Coñézoos desde ben pequeno, pois formaban parte dos moitos que, a modo de contos, me dicía miña mai para me dormir placidamente. Viñéronme á cabeza con frecuencia nestes días de abundancia de información sobre o que está acontecer en Venezuela. A cor dos vidros con que cadaquén se achega aos feitos é diversa. Onde están realmente as verdades do que nos están a contar? Cal é a cor verdadeira?
É sabido que no mes de maio tiveron lugar no país caribeño presidenciais para o sexenio 2019-2025, eleccións que houbo quen cualificou de irregulares e por iso a maioría dos organismos internacionais decidiron non participar como observadores e anunciaron que non recoñecerían os resultados, como así fixeron, o mesmo que un bo número de Estados, de difererentes latitudes, encabezados polos Estados Unidos. Houbo grande abstención e o presidente Maduro obtivo o 67% dos votos emitidos. Neste mes de xaneiro, finalizado o seu mandato presidencial anterior, tiña que tomar posesión, coincidindo coa rotación de cargos na Asemblea Nacional, en cumprimento dos acordos dos partidos que conforman a oposición. Xa ocuparon a presidencia da Asemblea os grupos Acción Democrática (AD), Primero Justicia (PJ) e Un Nuevo Tiempo (UNT) e desta volta tocoulle a Voluntad Popular (VP). O que chamou a atención foi a persoa elixida por VP para ocupar o cargo, xa que o perfil de Juan Guaidó é baixo dentro da oposición e o seu nome case descoñecido, tanto no mundo político venezolano como no internacional. É por iso que motiva sospeitas en diferentes sectores. Se o nomeamento é cando menos curioso, tamén o é o feito do día escollido para asumir a presidencia. Lembremos que Guaidó exerce como presidente da Asemblea desde o 5 e que non foi ata o 23 cando se soubo que asumía a Presidencia da República. É sabido que o 23 de xaneiro de 2014 foi cando varios líderes de partidos opositores presentaron a campaña “La Salida”, organizada para poñer fin á Revolución Bolivariana, que tantos actos violentos motivou. É a data na que se celebra o Día Nacional da Democracia Venezolana para conmemorar o derrocamento e a fuxida do último ditador, que aconteceu nese día de 1958. Nada, pois, semella casual. VP, como UNT e AD, pertecen á Internacional Socialista, mais diferentes partidos desa Internacional non recoñecen a manobra. Por que será? 
 

Cores

Te puede interesar