sábado 19.10.2019

Centenario

O pasado sábado día 5, o noso Racing celebrou o centenario do seu nacemento cun roteiro por lugares senlleiros da vida do club que finalizou na Malata coa plantación dun carballo no exterior do campo. Malia que o uso e o abuso do tabaco durante anos non me permite camiñar como gustaría, tiña pensado acudir, cando menos a algún tramo, ao citado paseo, cousa que lamentei non poder facer por inesperados problemas de última hora. Consecuentemente, tampouco lle puiden dar un amical abrazo a Pepe Criado, que ben o merece, digo eu. Mágoa, porque estas cousas só pasan unha vez na vida.

Aínda que hai cinco ou seis temporadas que non retiro o abono, sigo puntualmente a traxectoria do Racing a través das páxinas do noso Diario, ademais de acudir a algún que outro partido e velo na televisión cando retransmiten os partidos. Fun socio un montón de anos -perto dos corenta, trinta deles á vez que do Deportivo- en dúas etapas. Pensaba o outro día na tempada en que tiven o primeiro abono  e dubidaba e sigo dubidando. Lembro, nitidamente, ter visto xogar numerosas veces no Manuel Rivera homes, ou rapaces, como García -o porteiro-, Pepe Anca, Mourelo, Vallejo, Tatá, Ledo -antes de fichar polo Deportivo-, Miguel (Chatolo), Vegazo, Suco... Recordo moi vagamente Marcelino, o que me leva a sospeitar que o tiven que ver esporadicamente porque non debín comezar a asistir regularmente ao estadio ata a temporada 1959-60, aquela na que caeu no pozo da terceira do que non fora nada doado saír. Por suposto que vivín eses 6 anos nos que podías ver grandes goleadas pero, pola contra, era difícil presenciar máis de 3 ou 4 partidos decentes.

Como é sabido, desde o ano 2000, o nome oficial do equipo é Racing Club de Ferrol, S.A.D., mais neses anos cincuenta e sesenta, nos que sempre ía ao Inferniño, o nome oficial era o de Club Ferrol. Aínda que lle chamásemos Racing e o animásemos con ese mesmo nome estabamos, sen querelo, inclumprindo a lexislación franquista de 1940 que impedía o uso dos nomes anglosaxóns ou “vernáculos” nos nomes dos equipos. Fóra Racing ou Sporting, que eran termos ingleses, mais non Club ou Deportivo, que tamén tiñan esa procedencia. Ignoraríano aquelas represivas autoridades? Xa nos anos cincuenta, cando o rexime ía sendo aceptado polas potencias estranxeiras xa se lle permitiu aos clubes de menor entidade o uso dos nomes en inglés, permiso que se estendeu a todos en 1972, co que o club puido recuperar o Racing fundacional.

Lembremos que don Ricardo Carvalho Calero, como xa deixei constancia nesta columna hai uns cantos anos, titulou un dos artigos de prensa publicados na mocidade “Foot-ball. ¿Racinguismo o racingismo?”. Volverei, pois, falar do asunto da terminoloxía inglesa nun próximo artigo. E coma sempre, forza Racing.

Centenario
Comentarios