Cabodano

Erguéstesvos cedo aquel día / –o costumbre do traballo– / mañá cediño pra facernos coa vosa morte”. Son os excelsos versos cos que Uxío Novoneyra quixo deixar constancia dun de tantos actos de iniquidade e barbarie cometidos polas forzas represivas da ditadura franquista. Agrupounos baixo o título “A Amador Rei Rodríguez e Daniel Niebla García” e xunto a eles anotou día, lugar e hora da traxedia: “Ferrol
8 da mañá / 10 / 3 / 1972”.
Penso que, por fortuna, este poema segue a ser ben coñecido, aínda que non sexa máis que porque adoita lembrarse ao redor das datas do cabodano daqueles asasinatos sucedidos en tal día como hoxe, en que se cumpren xa corenta e sete anos. No seu día, Bibiano Morón, infelizmente desaparecido, quixo dar tamén testemuño dos luctuosos sucesos de Ferrol poetizados por Novoneyra musicalizando os versos na canción “Amador e Daniel”, que recolleu no seu primeiro LP Estamos chegando ó mar (1976) e que interpretou en diferentes e concorridos recitais. A magnitude dos acontecementos  moveu outros poetas a escribrir sobre eles coa dor, a raiva e a carraxe inevitables. Así, Manuel María, baixo o nome de Xohán Esteiro Lopez, datou en Monforte, Marzo de 1972, o “Poema de urxencia para dous asasinatos” ao que pertecen: “Cando a Primaveira era promesa /e a esperanza se abría cara á luz, / e o pobo pedía o que era seu / o pan e a liberdade / que os tiranos lle rouban, / caeu Amador Rei, home sinxelo / e loitador, carballo de Galicia / que deixou catro renovos, catro / ponlas con follas ben sonoras / ás que o vento arrancara novas / cancións de amor e liberdade. // ¡Caeron Amador Rei e Daniel Niebla / baixo o odio das balas asesiñas, / baixo o furor das metralletas /  cargadas de sinrazón e de inxusticia, / armadas polos explotadores, / disparadas polos cás da tiranía / e manexadas polos gardas do nazismo! // O sangue dos obreiros da Galicia, / unha vez máis, bordou unha bandeira / vermella e popular no cemento das rúas / do heroico Ferrol de Pablo Iglesias”.  Tamén Darío Xohán Cabana, recolleu os sucesos cando menos en dous poemas. Un deles, datado na “Galiza, Marzo 1974” e asinado por Daniel Méndez, titulouno “Daniel Niebla e Amador Rei”. O outro, sen data de composición e asinado co seu nome, é “Ferrol 72: Daniel e Amador”. O día de hoxe ten que ser de todo menos gris.

Cabodano

Te puede interesar