miércoles 12/8/20

Política de xeometría variábel

O universo matemático vén de prestar unha fórmula forxada con rixideces pola pioneira ciencia da civilización grega clásica, evolucionada nos séculos posteriores de cara a unha visión que promovía a teoría da xeometría do inicial “reflexo da realidade inmóbil á concepción dun xogo dedutivo máis”, e agora á terminoloxía da xestión política parlamentaria, para acuñar a expresión de “xeometría variábel”; e dicir, a procura de respaldo puntual á necesidade de acadar unha aprobación concreta de proposta, de iniciativa legal ou orzamento xeral, variando de alianzas en función do caso dado para alén da incapacidade de contar cun pacto duradeiro que soporte a totalidade do período de mandato. 

Este proceder leva á cambiante opinión a respecto dos compromisos, de xeito que unha cousa pode ser o falado ou todo o contrario, dependendo do momento político de moi curto prazo. A filosofía retranqueira galega, elevada á categoría da estratexia de goberno estatal: Pode que si, pode que non ou pode que sexa todo o contrario.

Velaí o compromiso de afrontar  a “derrogación da reforma laboral”, asinado e proclamado aos catro puntos cardinais no acordo de gobernación entre os actuais socios da coalición de grupos políticos ocupantes do Consello de Ministras e Ministros; posteriormente reiterada en acordos con outras forzas parlamentarias que resultaron necesarias para facilitar a suma de votos imperiosos para facilitar a investidura no Congreso das e dos Deputados. Medida estrela dentro duns obxectivos nos que tamén se procuraba “afianzar o crecemento económico sobre bases moito máis produtivas”, traballar polo “entendemento territorial e polo reto demográfico”, avanzar en “xustiza social”, acometer a “transformación dixital da economía e a transición ecolóxica” e acadar a “plena igualdade da muller”. Da vontade manifestada, polo de agora, nada se veu. Certo é que nos seis meses de antigüidade no cargo tiveron que afrontar a pandemia vírica que puxo todo patas arriba e limitou en grande medida unha acción de goberno normal. Aínda así, polo que respecta ao compromiso de “derrogación da reforma laboral”, imos polo camiño contrario á vista da última posición adoptada, nos últimos días, na votación parlamentaria ao respecto.

Diante deste xogo ao despiste, de “trileros” que marean a perdiz dicindo unha cousa e tamén  mantendo o contrario, porén sen facer nada ao respecto; toca tirar da ironía para adaptar un trabalinguas: O derrogador que derrogue a reforma, bo derrogador será. Abofé.  O caso e atopalo.

Comentarios