• Martes, 25 de Septiembre de 2018

Cervexa ameazada polo clima

Sabemos agora, lendo nas páxinas marxinais da prensa, que por mor do cambio climático unha das variedades de cervexa máis antigas

Sabemos agora, lendo nas páxinas marxinais da prensa, que por mor do cambio climático unha das variedades de cervexa máis antigas do mundo está en grave perigo de supervivencia polo incremento da temperatura media do planeta. 
O dato, incluído nun serio estudio, vén achegado por científicos especialistas no medio ambiente contando coa colaboración fundamental da entidade asociativa que agrupa aos cervexeiros artesanais do ámbito territorial belga próximo a súa capital estatal no que, caso único, se elabora a cervexa ácida, alí coñecida pola variedade “lambic”. Vista esta novoa, coa retranca debida, se as autoridades políticas mundiais non reaccionan de vez con medidas efectivas diante da crise climática innegábel, eu xa non sei.
Certo é que a mala noticia nunca vén en solitario, a miúdo vai acompañada doutra para non sentirse soa. Velaí, na outra páxina secundaria dalgún medio de prensa, podemos ver outro dato estatístico que non deixa lugar a dúbida sobre a desfeita que a irresponsábel man humana, á dos poderosos que poden facer ese dano, claro é, que nos fala da deforestación para dicirnos que a corta de masa arborada levada a cabo en todo o mundo é equivalente a superficie de máis da metade do continente europeo; e todo iso só nos primeiros quince anos do século. 
Por ese camiño o desastre da humanidade está correndo a pasos ben grandes de cara o punto sen retorno.  
Daquela é tempo de ollar para o incremento dos importes límite que teñen acadado os carburantes, para vehículos e máquinas de desprazamento ou para a calefacción dos fogares, en cifra que non se vía dende fai un quinquenio; e, nese mesmo e incomprensíbel proceder que trae escuridade, manobra de pacto raro e moita enxeñería financeira e fiscal, está tamén o prezo da enerxía eléctrica. Iso que simplificamos na terrorífica expresión de recibo da luz. Unha causa, e tamén unha consecuencia, dese comportamento da clase política gobernante diante do clima. 
Porén, insensíbeis ao fenómeno do desxeo dos casquetes polares e do incremento da masa de auga nos océanos do que se derivan furacáns e tormentas tropicais de forte intensidade que agora viaxan polo Atlántico de camiño ás nosas costas; coa mirada desviada a outra veira en todo o que atinxe ás alertas e sen saber reaccionar neste tempo límite, vexamos se o perigo de perder a cervexa amarga é quen de aguilloar fronte ao clima.