viernes 7/8/20

A lúa das flores

lor, vocábulo que é substantivo feminino, define a parte da planta formada por follas de vivas cores, xeralmente de cheiro agradable, onde están os órganos reprodutores. Por tanto é símbolo insuperábel da primavera meteorolóxica e natural que se identifica con este mes de Maio. Daquela, se xuntamos a icona floral con ese fenómeno de comunicación astral que, na tradición multisecular, sempre representou a repetición de fenómenos que para a ciencia dos tempos actuais non evidencian problema místico porén que, para as xentes de épocas pasadas, amosaban unha mensaxe codificada na que se agochaba unha proposta hermenéutica, aínda non sendo un texto escrito; pola contra, emitíndose coa alquimia dun esoterismo moi difícil de transcribir. Non é de estrañar que, para o ámbito cultural céltico, este singular momento de proximidade do satélite á Terra, coa súa faciana de luminosidade e amplitude, fose tamén considerado coa apreciación de lúa do lume de éxtase, de leite, de sementar, de millo e outros grans, de salmón; e, como non podería ser menos, de ledicia e celebración. Lúa servida á carta.
A función histórica das meigas e dos druídas, amparados pola credibilidade dun poder de coñecemento ou estado de graza divino que lles era outorgado dende a ignorancia inducida, á hora de configurar estados de opinión nas xentes dos pobos de culturas primitivas para facilitar que fosen conducidos na dirección do interese que favorecía ás clases dirixentes e poderosas, aproveitou de xeito sobranceiro esta cadencia do movemento de rotación ou translación dos elementos que configuran o cosmos, ese universo do que formamos parte indisolúbel. 
Centurias e mesmo milenios após a orixe mística do fenómeno da Lúa das Flores, a labor da procura dunha instrumentación interesada na emisión da comunicación perseguindo crear determinados estados de opinión pública, mantense coa adaptación sutil aos tempos modernos, validando a certeira expresión de Eduardo Galeano: “O colonialismo visíbel mutílate sen disimulo: prohibe dicir, prohibe facer, prohibe ser. O colonialismo invisíbel, en troque, convéncete de que a servidume é o teu destino e a impotencia a túa natureza, e por iso non podes dicir, non podes facer, non podes ser”. Isto é, desexar ser sometidos á condición de privación da soberanía. 
Velaí os perigos que se derivan do ambiente de “shock emocional” orientado, por veces, cunha estratexia de xornalismo que fai desta pandemia sanitaria unha situación de duplo risco social, o vírico e a “infodemia”.

Comentarios