• Martes, 23 de Octubre de 2018

Miña nai tiña nos beizos unha frase que acostumaba dicir con certa frecuencia

Miña nai tiña nos beizos unha frase que acostumaba dicir con certa frecuencia: “lembrar e volver a vivir”. Claro, ela viviu ata os 95 anos e ese tempo é máis que dabondo para acopiar lembranzas  e facer con elas recordatorios gravados coma a cicel na memoria.  Camiñaba xunto a un amigo o outro día e preguntoume  pola miña primeira experiencia  nun estudo de gravación. Claro, iso non se esquece así coma así, contesteille mentres pasabamos por diante de “La Posada del Mar” moi preto da miña casa. 
E aquí, na “Pousada” presentouse o meu disco, dixen, provocando certo asombro no meu colega. A cousa foi así: “La Posada del Mar” era, é, un establecemento que rexentaban Xosé María e Arturo, o que fora xogador do Racing de Ferrol. Denantes fora “O Fortín” un almacén de viños. Meu pai era cliente da “Pousada” e entre el e Xosé María urdiron ese remedo de presentación do meu disco en sociedade. Corrían os albores dos 70, aí é nada! Na “Pousada” tiñan unha máquina, unha gramola daquelas nas que introducías unha moeda  para poñela en marcha e escoitar a canción elixida.  E alí meteron o meu disco, un EP que contiña catro cancións. 
O evento anunciouse con antelación e creouse un certo ambiente en torno a aquela  orixinal experiencia, asi que no día de autos a “Pousada” estaba ateigada de xente e eu, coitadiño, tremendo coma unha vara verde,  desprazado do meu espazo natural esperando a reacción daquel  improvisado auditorio. Xosé María anunciou parsimonioso que ía sonar o meu primeiro disco ao tempo que introducía a moeda na máquina. 
Eu miraba ao chan sen reparar no rostro da xente que gardou un respectuoso silenzo mentres soaba a música. Os amables aplausos tranquilizaron o meu estado de ánimo  e saín de seguido a respirar ao fresco e ao tempo desfacer o nó que tiña no estómago. 
Foi, sen dúbida, un caso único e non sei de ningún dos meus colegas de entón que vivira unha experiencia semellante a esta.  
Aquel episódio xa forma parte da miña intrahistória, do meu particular imaxinario que figura gravado nese disco duro de moitos gigas que é o cerebro. 
De vez en cando é bo  abrir algunha carpeta da que van saíndo cousas e xentes que crías esquecidas e revivir o momento.  
Pódovos asegurar que aquel día da presentación do meu primeiro disco en “La Posada del Mar” acompañado de amigos e clientes do establecemento supuxo o inicio dunha etapa da miña vida que sempre lembrarei con agarimo. Tiña razón  miña nai:  lembrar é volver a vivir!