Hai que ver como nos enganan

Non é que hoxe me levantara co pé cambiado e saíra a relucir o meu lado pesimista, o que pasa é que ao fío do que está a acontecer un  non pode deixar de pensar que mires por onde o mires estamos a ser utilizados en aras duns intereses que non son os da cidadanía. Así as cousas un cabréase profundamente e non queda outra que facer catarse e desfogar a frustración: falamos e falamos pero actuar, o que se di actuar, pouco. Poñamos algúns exemplos. En primeiro lugar se preguntamos quen engana a esgalla seguro que a resposta é: os políticos. Pensamos que a política era a ciencia capaz de cambiar as cousas pero os feitos nos levan a pensar que é o instrumento ideal para o engano. A democracia é o mellor sistema político pero tampouco é perfecto. Nada o é.  Os políticos recorren á cidadanía para acadar votos e a miúdo esquécense da cidadanía. Non creo que deba perder o tempo en afondar sobre isto: buscade nos partidos en xeral e veredes cantas promesas rotas.
Algúns políticos tamén enganan cando falan dos seus méritos académicos. Os másteres, licenciaturas, curriculums e doutorados manipulados están ao orde do día no só poñendo en evidencia aos “beneficiarios” senón tamén á Universidade o que é dunha gravidade manifesta. Pero “con la Universidad hemos topado” meus amigos. Nesta institución semella que tamén hai clases: alumnos de a pé e “vips”: a aqueles cústalles moito esforzo e diñeiro conseguilos e a estes dánselles facilidades cando non se lles regalan pola cara. E así está o patio mentres nós a velas vir.
O das bombas de Arabia Saudí éche outra milonga. Resulta que agora, como son bombas de dirección laser, selectivas, non ofrecen efectos colaterais porque o erro de impacto é aproximadamente dun metro. Vale, pero quen lle dí ao  noso goberno que o sátrapa saudí, dono das bombas, non as vai usar contra a poboación civil do Yemen? Unha vez máis os intereses están por enriba das ideoloxías e a pela é a pela, meus amigos. Outro engano máis.
E da chamada caverna mediatica que dicir? Prensa entregada a intereses partidistas propagadora das chamadas postverdades que de tanto repetilas convértense en axiomas. E etc, etc, etc. Pero tranquilos; xa comezou a liga de futbol  e, por certo,  algún partido vaise xogar nos EEUU. Outra vez a pela que propicia o engano aos seareiros para beneficiar a uns poucos taúres. Pero hoxe fai un bó día, esmorece o verán, e non quero esnaquizalo dándolle voltas a máis enganos que habelos, hainos. Si.

Hai que ver como nos enganan

Te puede interesar