lunes 21.10.2019

Si. Son presos políticos

Se calquera xurista espelido e neutral lle  bota unha ollada ao Código Penal vixente (CP) e analisa os termos das acusacións perante o Tribunal Supremo (TS) contra os presos soberanistas cataláns e demáis acusados no seu proceso, só albiscará pegadas do delicto de desobediencia ao Tribunal Constitucional (556.1 CP; multa ou cárcere de tres meses a sete meses e medio se non hai agravantes)  nos membros do Govern e na presidenta do Parlament, Carme Forcadell. Canto aos Jordis, non se albisca delicto ningún. Como moito podería existir  algunha pegada non moi concluínte do tipo penal das desordes públicas (557 CP no seu tipo básico: 6 a 18 meses de cárcere se non houber agravantes).

Non se albisca malversación ningunha, non só por desbotala o ministro español Montoro, que daquela (setembro-outubro 2017) foi quen máis puido coñecer da súa existencia, senón porque o referéndum foi organizado rigorosamente de xeito que non se investise nel  nin un euro público, precisamente para lle evitar aos cargos e funcionarios públicos eventuais responsabilidades por este delicto. Velaí o apaixoante e cinematográfico relato sobre quén trouxo as urnas, cómo e de que xeito.

Canto á rebelión do 472.5 CP que lles vou dicir! Todo o que cumpría xa o dixo o Tribunal Superior de Schleswig Hollstein ao rexeitar a extradición por este delicto do president Puigdemont. Non existiu elemento ningún de violencia física nin tampouco de ameaza de violencia (intimidación). 

Cómpre aplicar esta conclusión , tamén, ao delicto de sedición para determinarmos a súa inexistencia, por precisar o mesmo elemento violento ou intimidatorio.

 A conclusión, pois, é nidia: a prisión preventiva acordada, que se alonga xa case dous anos, non ten alicerzamento legal ningún. E dirán vostedes… como puido ser isto posíbel?

A chave do ocorrido está na querela criminal presentada o 30.10.2017 pola Fiscalía Xeral do Estado e a súa inmediata admisión para trámite polo TS, que manifestou axiña que vía indicios de rebelión, polo menos no grao de conspiración. Deste xeito, o TS arrincoulle a competencia ao Superior de Catalunya, ao que lle cumpriría dacordo co Estatut e coa Lei Orgánica d Poder Xudicial e puido instruir logo ao seu xeito. 
 

Despois, a Fiscalía Xeral e o TS (nas súas interlocutorias, sen prexulgar o que se poida dicir na sentenza) foron construíndo un relato político de rebelión e malversación aplicábel a supostos rebeldes perigosos, inserido na liña do peor Dereito Penal do Inimigo.

 E velaí onde estamos hoxe. Teñen vostedes aínda dúbidas sobre se Junqueras, Rull, Turull, Forn, Romeva, Forcadell, Bassa, Sánche ou Cuixart son presos políticos? Eu, nesta altura, ningunha.

Si. Son presos políticos
Comentarios