Seica tolearon

Hai quen opina que os soberanistas cataláns de JuntsxCat e ERC trabucáronse ao non elixir como senador a Miquel Iceta para permitirlle acceder á Presidencia do Senado estatal que lle asignada dixitalmente por Pedro Sánchez. Xa saben, é a ladaíña á que están afeitos os soberanistas das nacións todas do Estado: tede conta, rapaces,  non vos  portar mal co PSOE que senón veñen os malos malísmos das tres dereitas. 

Os soberanistas cataláns rexeitan, para o seu mal, unha moi boa proposta. Ficar fóra, con 22/350 deputados, da Mesa do Congreso. 

Pór todas as cambadelas habidas e por haber a que Carles Puigdemont sexa candidato nas europeas e a que él e Junqueras poidan participar no debate electoral de TV3. Prohibir as lazadas amarelas –sinal de reivindicación democrática da cidadanía catalá– por consideralas mostras electoralistas da política partidista. Asistir silentes á querela da Fiscalía Provincial de Barcelona por organización criminal!!! contra cadansúas direccións de Catalunya Ràdio e TV3.  

Porque Miquel Iceta (PSC) representou sempre, de certo,  a terceira vía das persoas asisadas. Velaí a súa absoluta falla de vergoña allea para partillar, canda Vargas Llosa e máis a extrema dereita española, a demostración unionista do 8-Ou de 2017. E quixeron polo á fronte do Senado: un President para todos. O home da mán aberta ao soberanismo catalán. Pois si.

Pensei que este PSOE de Sánchez, afeito ás labazadas de Felipe González, Alfonso Guerra, Susana Díaz et alter, mudara na obsesión en lle mercar o mapa territorial da España uninacional á dereita española. Mais vexo que estou a me trabucar. Porque Pedro Sánchez viaxa “del coro al caño” sen ser quén, malia o vento de popa que aínda recebe, a facer política.

Mentres, como ben dí o galego Suso de Toro, grande parte da cidadanía catalá rachou xa (ela si de verdade) coa vella política e piden da gobernanza solucións e plans de futuro que vaian aló do regate en curto, do vaidoso amosamento e dun vitimismo que non lles encaixa na vivencia cotián duns seus dirixentes políticos botados ao  cárcere ou ao exilio.   

E aínda queren que voten por Iceta para ir o Senado. Seica tolearon.

Seica tolearon

Te puede interesar