O problema eléctrico da Galicia

Factorías como a fábrica de aluminio de Alcoa en San Cibrao adican o 40% dos seus gastos a pagar a enerxía, o que constitúe unha grave desavantaxe comparativa a respecto doutros países. Galicia é o territorio do Estado con máis incidencia da industria electrointensiva (25% do emprego estatal con case 5.000 empregos directos, cando só representamos o 5,3% do PIB). O xornalista Julián Rodríguez Moscoso ven de informar que entre o 30 e o 40% da potencia subhastada nas poxas de interrumpibilidade dos últimos anos foron para Alcoa, Ferroatlántica e outras factorías galegas. Velaí que o problema do custo da enerxía para a industria electrointensiva sexa un problema moito máis galego ca español.

O rascuño de Estatuto da industria electrointensiva que o Goberno ven de quitar para alegacións é ruín e cativeiro, pois que  só prevé destinar 71 M€ para todo o Estado, cando a UE permítelle destinar en axudas 200 M€. E cando a exclusión da tarifa 6.2, no 2018, para a industria vasca e navarra usuaria das liñas de 35 kV que adoitaba instalar Iberdrola custou outros 200 M€. Velaí a proba de que o PSOE non enxerga a xeito o problema, sen que isto lle quite culpa á absoluta inactividade ao respecto dos gobernos de Feijóo e de Rajoy.

Máis números. Case o 40% da enerxía producida na Galicia destínase á exportación. A tarifa imponse para todo o Estado pensando nos territorios non produtores de alto consumo doméstico sen que Galicia lle poida ofrecer á nosa industria unha tarifa aquelada baseada no seu excedente produtivo que nos faga competitivos e reforce un desenvolvemento autocentrado e sostíbel. Cada galego pagará durante un ano 17,20 € adicionais ao seu consumo para lle compensar ás eléctricas dos tributos autónomicos aboados durante 2013. Somos os que máis pagamos, fronte aos 0,55 cents de  Madrid ou Andalucía. Pagamos máis ca calquera ao prezo que lle interesa aos que nin producen enerxía nin a usan intensivamente en procesos industriais. 

Xogámonos moito co Estatuto da Industria Electrointensiva. Mais haberíamos ser conscientes de que nós producimos electricidade, asumindo elevados custos , mentres outros chuchan o beneficio xerado por este sacrificio. O problema eléctrico da Galicia só se amaña cun marco tarifario global que sexa xusto cos países produtores de electricidade. Só se amaña con máis autogoberno.

O problema eléctrico da Galicia

Te puede interesar