miércoles 20.11.2019

O labor de Sabela

A participación de Sabela Ramil no programa Operación Triunfo da Televisión Española, cantando en lingua galega até en tres ocasións, xerou unha grande simpatía entre a cidadanía galega, amosando unha vez máis que case todos, galegofalantes e non galegofalantes, asumimos a nosa lingua como un patrimonio común moi valioso, visibilizando que a lingua galega ten futuro e serve para cantar, amar, traballar e crear.
Cantando “Tris tras” tamén visibilizou a ortografía internacional do galego, inxustamente tratada dende o Poder durante tantos anos e a proximidade do galego co portugués, xerando interese no público portugués e brasileiro. 

Unha importante achega para a precisa conexión cultural e empresarial galega co mundo da lusofonía.

Esta historia amosou tamén que a España da lingua e da cultura única é moi forte canto á súa representación na política e nos medios informativos, mais bastante menos na cidadanía, nomeadamente entre a xente máis nova, que ve con naturalidade que os galegos falemos galego e os cataláns catalán. 

E que o veria con moita máis naturalidade se os media estatais visibilizaran que o Estado español non só fala en castelán, como aínda millóns de españois semellan acreditar.

Porén, non é tan positivo que só lle deamos valor ao noso cando logra un trunfo en Madrid ou se reflicte dende Madrid. 

Porque o éxito ou a aprobación en España non habería ser nunca o parámetro válido para avaliar os nosos produtos culturais. 

A cultura galega precisa ser consumida pola nosa cidadanía polo que é e polo que achega, sen necesidade do seu éxito alén das nosas fronteiras. Se Manolo Rivas non escrebira na prensa madrileña sería igual de bó.            

Cando se cumpren vintecinco anos do Xabarín, que conquistou para a galeguidade unha xeración enteira, fenómenos como o da nosa Sabela reflicten a necesidade de termos referentes de éxito e modernidade para a nosa xente nova e de valorar a xeito a magnífica riqueza cultural que hoxe ofrecen os creadores galegos en todas as artes.

O labor de Sabela
Comentarios