A ilexitimidade do réxime franquista

aditadura do xeneral Franco naceu e morreu ilexítima e non perdeu esta cualidade un só día da súa longa vida. Naceu dunha rebelión militar (ésta si foi tal, unha rebelión sanguiñenta e asañada) contra do Goberno legalmente constituído, o Goberno da República. Unha rebelión que só trunfou despois de matar centos de milleiros de persoas e condenar millóns ao cárcere, exilio, miseria e exclusión social.
Xa que logo, a lexitimidade de orixe retívérona as institucións republicanas no exilio, os Gobernos da República, da Generalitat e Vasco, canda o Consello de Galiza, até a elección libre (malia que con certas limitacións) dun Parlamento, o 15 de xuño de 1977. De feito foi o propio Goberno da República no exilio o que se autodisolveu, o 21 de xuño de 1977, ao constataren que a cidadanía do Estado recuperara o exercicio da soberanía.
No eido internacional, os Estados Unidos Mexicanos e máis a República Federativa de Iugoslavia non recoñeceron nunca ao réxime de facto español e mantiveron relacións diplomáticas co Goberno da República no exilio até 1977. As principais potencias (Francia, Reino Unidos, USA) non recoñeceron ao réxime franquista até o remate da guerra, as potencias europeas o 27 de febreiro de 1939 e os USA o 31 de marzo dese mesmo ano. E este recoñecemento viu motivado pola inefectividade sobrevida do  Goberno republicano ao non controlar xa o territorio e polo exilio do Presidente da República e do seu Goberno.
Velaí, entón, o gravísimo erro da Sala do Contencioso-Administrativo do Supremo ao recoñecer a Franco como Xefe de Estado dende o día da súa cooptación pola directiva militar golpista (1-10-36). Porque recoñece nunha decisión xudicial do máximo intérprete do Dereito Administativo estatal unha lexitimidade que nunca existiu, visualizando a conexión  entre o réxime do 78 e a ditadura franquista, cando nin sequera lle resultaba xuridicamente preciso para suspender cautelarmente o translado dos restos do ditador.
Vemos agora como a falla dunha ruptura formal co réxime de facto nos anos 1977 e 1978 determinou importantes pexas na calidade da nosa democracia. Faltou o axuizamento dos criminais de guerra e da represión franquistas, a anulación das sentenzas dos seus Tribunais ilexítimos (como a que ditou a pena de morte a Alexandre Bóveda) e a reparación e indemnización dos que viron incautados os seus bens e mesmo efectivo, ao tempo que se lle impuxo á cidadanía a Monarquia reinstaurada polo vello xeneral sen posibilidade de decidir.

 

A ilexitimidade do réxime franquista

Te puede interesar