SAUDADES DE MARCIAL

Un chisco perdido nun carrusel de cousas, boas, regulares, algunha decididamente mala, ás veces non dou atopado as novas tal como quixera. Quero dicir, que lonxe (pero perto) deste meu pequeno mundo, o meu, non quero máis (non o daría abarcado), de Neda e Ferrol, e arredores, ás veces non me chega o acontecer tal como adoitaba.
Pasoúseme, pois, a marcha de Marcial Calvo Hermida, superado o século, recente unha conversa coa súa filla, María José, próspera industrial en Narón. Xusto na praza onde estivera o Concello, a un pasiño da casa paterna, onde lembro algún guateque nos anos aqueles de lume e paz adolescentes. Sandie Shaw, Los Mustang e todo aquilo, e perto de nós a ollada comprensiva e elegante de Don Marcial Calvo, dos “Sarxentos” d´a Toeleira, de Neda. Familia pola que sinto grande parcialidade. Pero hoxe quero dicir tan só que Calvo Hermida, rúa ao seu nome en Narón, que ninguén foi quen de negar, comezando por Xan Gato cando fora alcalde en xesto que o honra, fixo saltar Narón da inexistencia práctica, cando Narón era a “sielva” da que falaba certo veciño nedense, ollando a ribeira de Pantope como un cadro selvaxe, cheo de silveiras e eucaliptos. Logo Narón comezaría ser o que hoxe é, un certo emporio a medrar, industrial mais sen perder un aquel bucólico. E para chegar aí Narón pasara pola man ben temperada, cal o clave de Bach, por un humanista cal Marcial Calvo Hermida fora. Un home enteiro, non dunha sóa peza, senón de moitas, quen de sobrevivir a un tempo duro con talante liberal, isto é, xeneroso, que non outra cousa quere dicir o termo na súa acepción cervantina. Quero dicir que non souben ata hai días que Don Marcial Calvo morrera, a unha idade envexable, por chea de lucidez, superada a barreira mítica da centuria. E engado que sentín un golpe de tristura por este home entregado que axudou poñer a Narón no mapa. Aí segue. Marcial, tamén.

 

SAUDADES DE MARCIAL

Te puede interesar